Membros da ONCE acoden a 'ver' a exposición 'Senso sublime'
Por Redacción
Un grupo de persoas invidentes ou con dificultades de visión, pertencentes a ONCE participou nunha visita guiada á mostra 'Senso Sublime', co obxecto de facilitar que as persoas con poidan achegarse á oferta artística do Museo de Pontevedra.
A visita estivo conducida polo propio autor da exposición, Serxio Portela, quen ademais de explicar a súa obra, permitiu que as persoas participantes tocasen as pezas para podelas percibir e comprender a través do tacto.
O deputado de Cultura, Xosé Leal, manifestou que con esta visita "queremos seguir afondando na liña de achegar a actividade do Museo a todos os públicos, de abrir o mundo da arte a toda a toda a cidadanía e, nomeadamente, a aqueles colectivos de persoas que precisan algún tipo de apoio específico para acceder aos contidos artísticos". Xosé Leal recoñeceu que aínda queda moito camiño que percorrer para acadar o obxectivo da accesibilidade universal pero fixo fincapé nos esforzos que desde o equipo técnico do Museo Provincial se levan realizando neste ámbito.
As persoas con discapacidade visual perciben os obxectos do seu contorno a través do tacto, o que colisiona coa habitual prohibición de tocar as obras de arte nos museos. Para salvar esta circunstancia, desde as organizacións que representan ás persoas con cegueira solicitan recursos estables por parte das institucións museísticas, como poden ser as réplicas de obras para poder ser tocadas, a información escrita en braille, as audioguías, e as visitas guiadas con apoio específico para este tipo de discapacidade.
Relacionadas:
-
Máis de 8.000 persoas visitan no Museo a exposición "Senso Sublime" de Sergio Portela
Por Redacción |
-
Dúas visitas guiadas semanais achegarán a obra de Sergio Portela a todo tipo de públicos
Por Redacción |
-
O 'Senso Sublime' do artista polifacético Sergio Portela explora o Sexto edificio do Museo
Por Anxo Lourido |