Parada pontevedresa do cuarteto neoyorkino Brentano na súa nova xira por España
Por Redacción
Pontevedra será unha das cinco paradas do famoso cuarteto neoyorkino Brentano na súa nova xira por España. Chegará este mércores 4 de novembro ás 20.30 horas á sede de Afundación da man da Sociedade Filarmónica de Pontevedra.
Segundo informou a Filarmónica, ofrecerá un programa con obras crave do repertorio camerístico: o Cuarteto de Corda número 1 en La menor de Schumann, o Cuarteto de Corda número 16 en Fa maior de Beethoven e o Cuarteto de Corda número 1 en Mi bemol maior de Mendelssohn.
O Brentano String Quartet está considerado na actualidade un dos mellores cuartetos do mundo e desde 2014 é o novo residente na Yale School of Music, sucedendo ao mítico Cuarteto de Corda de Tokio. Está en posesión de tres grandes premios, o de Cleveland, o Naumburg Chamber Music Award e o Premio Anual Martin E. Segal.
O cuarteto actúa tanto en Norteamérica, onde residen todos os seus membros, como noutros escenarios de Europa, Xapón e Australia e en festivais internacionais como os de Edimburgo, Bath, De Divonne, Kuhmo e Mozartwoche de Salzburgo, entre moitos outros. Recentemente, actuaron no Salón de Columnas do Palacio Real de Madrid, utilizando neste último concerto os Stradivarius da colección palatina.