A Filarmónica programa 10 concertos malia ser malos tempos para a música clásica
Por Redacción
A Sociedade Filarmónica de Pontevedra abre a súa tempada número 95 o vindeiro xoves 22 de outubro cun concerto que estará a cargo da Camerata Arven no auditorio da Biblioteca Pública de Pontevedra coincidindo coa celebración da Semana das Bibliotecas. Neste evento poderanse escoitar dúas formidables obras camerísticas, o Noneto de Louis Spohr e o Octeto de Franz Schubert.
Desde esta organización recoñecen que son malos tempos para as entidades culturais que atravesan un momento difícil debido ás numerosas baixas sufridas durante estes anos de crises que complicaron as programacións de música clásica. A pesar desta situación, a Sociedade logrou poñer en marcha dez concertos para esta tempada contando con figuras consolidadas da música internacional e apostando por agrupacións galegas en fase de consolidación.
Camerata Arven, un conxunto de recente creación nacido en Pontevedra formado por músicos moi novos será o encargado de poñer en marcha esta programació que continuará o 4 de novembro no auditorio de AFundación cun concerto de Brentano String Quartet, cuarteto residente da Yale School of Music, onde substituíu ao mítico Cuarteto de Tokio. Trátase dun dos mellores cuartetos do mundo e interpretou en 2013 a banda sonora da película de Yaron Ziberman O último concerto, protagonizada polo actor Philip Seymour Hoffman.
Destaca tamén o concerto previsto para o 10 de decembro no Salón Nobre do Liceo Casino de Pontevedra a cargo da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra con motivo do 90 aniversario da súa fundación. Polifónica e Filarmónica mantiveron unha actividade paralela e moitos dos fundadores como Antonio Igrexas Vilarelle, Antón Losada, Branco Porto ou Martínez Tíscar, da Coral constituíron tamén a Filarmónica. Todas estas actuacións serán a partir das 20.30 horas.
Ademais, os socios da Filarmónica poderán gozar dos recitais de dous novísimos pianistas: a compostelá Rosalía Gómez Lasheras, vecendora da Young Pianist Foundation en 2013, e David Jae-Weon Huh, gañador do segundo Premio do XVIII Concurso Internacional de Piano de Santander 2015. As súas actuacións serán en xaneiro e abril.
En febreiro chegará a Pontevedra o Trío Petrof, procedente da República Checa. E ese mesmo mes, o grupo A Bellemont, integrado por dous sopranos ofrecerá un recital de música antiga. En marzo repetirá visita o violinista Ivan Zenaty e en abril ofrecerá un concerto o violonchelista Jirí Barta.
A tempada pecharase o mes de maio coa Orquestra Gaos, agrupación sinfónica nada en 2009 na Coruña que ofrecerá un programa dedicado ao compositor Felix Mendelssohn