A comedia galega apocalíptica chega a Cuntis
Por Redacción
Tres dos cómicos galegos máis populares dos últimos tempos pola súa traxectoria televisiva e teatral, Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei, presentan este domingo 18 de outubro no Auditorio Patelas de Cuntis o seu novo espectáculo Falar sen cancelas. Eles definen este traballo como unha montaxe de humor galego apocalíptico, que chega a Cuntis a través da asociacion cultural e xuvenil Río Galo a favor de Médicos sen Fronteiras. A cita comezará ás 20.30 horas e o prezo da entrada é de seis euros.
Este espectáculo dirixido por Diego Rei sostén sobre o escenario varios monólogos, gags e xogos de improvisación, que conseguen que cada representación sexa diferente e única.
Trátase de humor pesimista "feito en Galicia" que o trío de cómicos ofrece coa formulación de que os galegos saben falar. A obra parte dunha situación na que un virus está a acabar coa galeguidad e iso provoca que non se poida falar en público. Os tres protagonistas tentarán atopar un antídoto a este problema.