Sentido recordo a Manuel Aramburu na entrega dos premios provinciais á Cultura e á Investigación
Por Redacción
O salón de plenos do Pazo provincial acolleu este mércores o acto de entrega dos Premios Provinciais á Cultura e á Investigación cos que se galardoa a creatividade e a investigación na provincia como alicientes para fomentar a cultura, a innovación e do desenvolvemento científico.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiu a este acto destacando o labor que desempeña a Deputación e a perseveranza dos galardoados.
Os premios provinciais á Cultura foron outorgados polo xurado, a título póstumo, á traxectoria artística do pintor Manuel Aramburu, recentemente falecido. O seu amigo Celestino Lores recolleu en nome da familia este premio para un artista que está considerado como mestre e exemplo de moitas xeracións.
Este premio concedeuse ex aequo co galardón ao Ateneo Santa Cecilia de Marín pola súa actividade dende 1952. Na actualidade está presidida por Lois González e dedícase á promoción de diversas actividades culturais.
O galardón ao proxecto cultural máis innovador foi para o Halcón milenario de Vigo, que mostra manifestacións culturais non oficiais sen axudas públicas. E o premio Diosiño recaeu na Asociación Cultural Danza de Arcos por conservar unha danza ancestral bailada por homes. Dentro deste categoría tamén premiou o músico e compositor Rogelio Groba polo seu labor musical con máis de 500 obras catalogadas.
Dentro dos premios á Investigación, os galardoados foron Martín Barreiro Cruz, Premio á Tese de Doutoramento en Humanidades e Ciencias Sociais polo seu traballo 'Configuracións da cidade difusa en Galicia' Brais Currás, Premio á Tese de Doutoramento en Humanidades e Ciencias Sociais polo seu traballo sobre as transformacións sociais e territoriais no Baixo Miño entre a Idade do Ferro e a integración no Imperio Romano; Lara Villarino, Premio á Tese de Doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía polo seu traballo 'Novas reaccións de adición e cicloadición catalizadas por paladio' Anxo Mena, na mesma tese obtivo o premio ex aequo por 'Paleoceanografía e evolución paleoclimática da conca interior de Galicia durante os últimos 60 ka' Alberta Lorenzo por 'Intervencións no patrimonio galego para a industria hostaleira'; Noelia Estévez, polo traballo 'Estudo de xenes involucrados en procesos de morte celular apoptótica e desenvolvemento larvario en mexillón' Laura López, polo seu estudo sobre Diego Hurtado de Mendoza, un seguidor da poesía galaico-portuguesa na Castela do Baixomedievo; Alejandro Chamorro, Andrés Blanco e Miguel Planas polo seu estudo da cría en catividade da especie protexida do cabaliño de mar e María Penado e José Fernándo Rodríguez por unha análise da violencia de xénero adolescente na provincia de Pontevedra.
Os premios están dotados económicamente con 6.000 euros. O acto rematou coa actuación de Roi Casal.
Relacionadas:
-
Falece o pintor pontevedrés Manuel Aramburu aos 79 anos
Por Redacción |
-
Halcón Milenario, Aramburu, e o Ateneo de Santa Cecilia, entre os gañadores dos Premios Provinciais á Cultura
Por Redacción |
-
Premios ao presente e o futuro da creación artística, a investigación e a cultura de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |