Pablo Alborán, o "concerto do ano" en Pontevedra para o que se venderon xa 4.000 entradas
Por Alejandro Espiño
Aos seus 26 anos, Pablo Alborán é o artista do momento. Vendeu máis discos que ninguén en España -dous millóns en total- durante os últimos catro anos, ten 32 discos de platino -sete deles en Portugal-, suma oito nominacións aos Grammy latinos e colga o cartel de non hai entradas en case todos os concertos que ofrece. Con esa bagaxe, non é de estrañar que a súa actuación en Pontevedra sexa definida como o "concerto do ano" na cidade.
O artista malagueño actuará na explanada do Pazo da Cultura o próximo 11 de setembro. Trátase do único concerto que dará no sur de Galicia durante o verán e iso fixo que a venda de entradas vaia a "moi bo ritmo", segundo o seu promotor Joaquín Martínez. En total, despacháronse xa máis de 4.000 entradas e a súa venda disparouse despois de que Pablo Alborán sacase ao mercado o seu novo disco, Terral.
"Non hai artista que cante en castelán con este volume de éxito", destacou o responsable de Esmerarte, empresa que produce o concerto. Por iso, traelo a Pontevedra foi "complicado". A cidade incluíuse na xira de máis de 70 concertos que se programou a finais do pasado ano, unha cifra que xa se quedou pequena ao engadirse máis concertos en España, Portugal e Latinoamérica, onde tamén arrasa nas listas de venda.
E todo por un mozo que comezou colgando as súas cancións en YouTube e que editou o seu primeiro single, a canción Solamente tú en outubro de 2010. Alborán, que acabou fichando por unha gran discográfica debido ao éxito irresistible que logrou na Internet, converteuse ademais no primeiro artista novel que, nada máis sacar ao mercado o seu primeiro disco, entrou directo ao número un da lista de vendas en España dende 1998.
O concerto será ademais un reto para Esmerarte. É a primeira vez que organizan un evento destas características nese espazo do Recinto Feiral, unha explanada con "moitas posibilidades" e que Joaquín Martínez aposta por recuperar "para máis cousas". Este debut serviralles, sinalou, para "coñecer as tripas" deste ámbito a nivel de produción "e garantir que poidamos facer máis cousas nel" no futuro.
As entradas para este concerto seguen á venda, a un prezo de 25 euros "o mesmo que teñen todos os concertos da xira", apuntan dende a organización. Pódense adquirir, entre outras plataformas, a través de Ticketmaster, Ticketea, El Corte Inglés e Ataquilla.
Relacionadas:
-
Pablo Alborán conquista aos seus fans pontevedreses
Por Diego Torrado |
-
Como se prepara un concerto como o de Pablo Alborán?
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Esperando a Pablo Alborán día 2 (agora con nai): "Así como lo vea, me da un yuyu y me caigo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Catro noites ao raso esperando a Pablo Alborán: "Ya estamos aquí, Pablo, vente, pásate a saludar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un Quique González máis intimista e acústico triunfa dando 'carta branca' aos seus fans pontevedreses
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pablo Alborán inclúe Pontevedra na súa nova xira: actuará na cidade o 11 de setembro
Por Alejandro Espiño |