O Día dos Museos chega ao Pazo da Cultura con visitas á mostra 'Barriga Verde'
Por Redacción
O Día Internacional dos Museos, que se conmemora o día 18 de maio en todo o mundo, chegará tamén ao Pazo da Cultura de Pontevedra. A Sala de Exposicións, que habitualmente permanece pechada os luns, abrirá como unha excepción para celebrar unha serie de visitas guiadas á mostra 'Barriga Verde. De feira en feira'.
En horario matinal realizarán a visita 91 nenos de tres grupos de escolares dos CEIP de San Bieito de Lérez e A Xunqueira e do colexio SEK. A visita da tarde estará aberta ao público en xeral. Será ás 18.30 horas e non precisa inscrición previa.
O guía será Anxo García, de Viravolta Títeres. Acompañará aos asistentes por un percorrido pola exposición acompañado por títeres tradicionais, guiando aos asistentes nos xogos, escenificando contos coas marionetas e contando e cantando historias.
Ao longo de 50 minutos percorrerán os diferentes puntos da mesma, escoitando cantigas e contos relacionados coas diferentes pezas e xogos, tales coma a zona do mercado, o xogo de "A sorte do paxariño" ou as marionetas de cachiporra.