Pontevedra volve atrás no tempo e vaise de feira con Barriga Verde
Por Redacción & Daniel Santomé
Barriga Verde foi o titiriteiro popular galego por excelencia. Os seus espectáculos eran toda unha sensación na época. Agora, unha mostra que se ven de inaugurar en Pontevedra achéganos á historia desta personaxe. Trátase de Barriga Verde, de feira en feira, unha exposición que se poderá visitar no Pazo da Cultura ata o vindeiro 31 de maio.
Trátase dunha mostra interactiva que convida a se achegar ao mundo dos mercados e das festas tradicionais da man dun dos seus personaxes fundamentais, Barriga Verde. Por vez primeira, unha exposición acolle as pezas orixinais coas que este títere se fixo famoso por todo o país e o pon en contexto co mundo das feiras e mais coa tradición europea de monicreques.
O proxecto pretende mergullar os visitantes no fantástico mundo no que naceu Barriga Verde, o último monicreque popular galego, que difundiu por todo o país expresións como "Morreu o Demo, acabouse a peseta".
Ao longo das salas da mostra proponse un percorrido polo mundo no que se desenvolveu este espectáculo, o das feiras tradicionais. Do mesmo xeito, condúcenos pola tramoia da barraca para coñecer os segredos dos titiriteiros que fixeron posible a maxia destes monicreques ata a súa desaparición, case ao mesmo tempo que aquelas feiras que aínda lembran os nosos maiores, de cando o cinema e a televisión aínda non eran as principais fábricas de soños.
Para facilitar a inmersión neste mundo, a mostra reproduce diferentes postos de venda e entretementos dos habituais nestes eventos. Xogos como o pimpampum ou o péndulo están dispoñibles para que os asistentes proben a súa habilidade. Tamén hai habilitado un set fotográfico e mais un pequeno teatro de títeres para os visitantes que os queiran empregar.
PARENTES EUROPEOS
A exposición presta especial atención á parentela europea de Barriga Verde, unha ampla tradición de títeres con séculos de historia da que o títere galego forma parte. Sitúase á par de figuras internacionalmente recoñecidas como Pulcinella ou Punch, entre moitas outras. Así, no Museo poderán verse pezas vidas de toda Europa que representan os diferentes homólogos de Barriga Verde que poboan o continente.
A mostra amosa os bonecos orixinais, que saen ao público por vez primeira en cincuenta anos, canda a fragmentos da barraca de José Silvent. A súa familia cedeu amablemente algúns dos elementos que atesoura na súa casa de Lérez. En distintos paneis recóllese polo miúdo a historia desta familia Silvent e debúllanse os números que formaban parte dun espectáculo que hoxe moita xente lembra como parte da súa infancia.
Canda a estas pezas poden verse tamén títeres orixinais cedidos polo Museo da Marioneta do Porto, polo TOPIC de Tolosa e mais polo Museo Galego da Marioneta, de Lalín. Este material complétase con fotografías históricas e material de arquivo achegado por entidades como o Museo do Pobo Galego, os Arquivos Provinciais e Municipal de Lugo, o Arquivo Pacheco, a discográfica Ouvirmos, o Arquivo do Patrimonio Oral e Inmaterial (APOI) ou a Asociación Cedofeita de Lérez.
Relacionadas:
-
O Día dos Museos chega ao Pazo da Cultura con visitas á mostra 'Barriga Verde'
Por Redacción |
-
Andrea Bayer gaña o Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques
Por Redacción |
-
Un libro recupera a figura de Barriga Verde, o titiriteiro máis famoso do século XX en Galicia
Por Alejandro Espiño |