A arte mestúrase cos cidadáns na Ferrería
Por Redacción
Artistas e cidadáns anónimos conviviron esta fin de semana na praza da Ferrería con motivo da iniciativa 'Artistas na rúa', promovida co obxectivo de achegar a arte á cidadanía e que coñeceran o proceso creativo dos mozos creadores.
A céntrica praza converteuse durante as tardes do sábado e o domingo nun espazo de intervención de seis novos artistas previamente seleccionados tras unha convocatoria pública: Elena Bello e Belén Andrés, O'Ras, Azalea Santiago, Alba Fernández Troiteiro, Alba Blanco e María Roja e Adrián Penido.
Os seis proceden de diferentes disciplinas, de modo que a actividade se diversificou no ámbito da Ferrería. Traballaron ao aire libre e interactuaron co público, de tal forma que os cidadáns coñeceron os seus distintos procesos de traballo, que van dende ao creación dun tear á elaboración dun graffitti, a fotografía, a arte do performance, a reciclaxe ou a combinación de serigrafía, pintura e comida para paxaros. A través desa convivencia moitos pontevedreses puideron romper cos mitos estasblecidos e romperon distancias entre artistas e cidadáns.
As seis propostas foron as seguintes:
- Elena Bello e Belén Andrés, estudantes de Belas Artes, apostaron por crear un tear a grande escala. Cada espectador colleu un nobelo de la e comezou a crear direccións xogando coas árbores da praza, entrecruzando as diferentes cores e dando como resultado unha composición abstracta tridimensional.
- O'Ras foi o encargado de trasladar a arte do graffitti a esta emblemática praza. Tratou de introducir os espectadores no proceso creativo dos murais. .
- Azalea Santiago é unha fotógrafa que interactuou co público usando o obturador da súa cámara para dar movemento ás súas fotos. O resultado deste traballo imprimíuse e colgouse nun tendal na praza. Os protagonistas desas fotos puideron levalas á casa como recordo desta xornada de traballo.
- Alba Fernández Troiteiro propuxo unha intervención artística sobre unha tea horizontal mediante técnicas mixtas: serigrafía, pintura e a colaboración do público con comida para paxaros.
- Alba Branco e María Roja foron as protagonistas dunha serie de perfomances baseadas na improvisación. Alteraron o espazo urbano e o tránsito dos espectadores para convertelo nun ámbito de creación colectiva.
- Adrián Penido, por último, é un artista especializado en traballar con materiais de reciclaxe que creou unha especie de refuxio con elementos desbotables. O público puido participar colaborando na busca dos devanditos materiais.