'Las altas presiones' de Ángel Santos estrearase o 8 de maio en cines de toda España
Por Alejandro Espiño
8 de maio. Esa é a data elixida para o debut comercial de Las altas presiones, a segunda longametraxe do director pontevedrés Ángel Santos. A partir dese día, os espectadores poderán vela en salas de cine de toda España.
Las altas presiones estrearase ante o gran público, grazas a Márgenes Distribución, despois do éxito que obtivo en festivais e eventos previos.
Tras o seu debut internacional na vixésima edición do Festival de Cine de Busan (Corea do Sur) e obter o premio Las Nuevas Olas na XII edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla, a película recentemente proxectouse na Sección 'Panorama' da XVI edición do Festival de Cine de Las Palmas. Ademais, o próximo mes de abril participará no Festival de Cinema D'Autor de Barcelona 2015.
Andrés Gertrúdix (El árbol magnético, 10.000 noches en ninguna parte) dá vida en Las altas presiones a Miguel, un mozo que regresa nunha viaxe de traballo -buscando localizacións para unha película allea- á súa terra natal: ao verde do campo e o azul do mar esborranchados polas ruínas industriais da ría de Pontevedra.
A súa viaxe lévao de regreso ao lugar no que creceu, ao reencontro con vellos amigos, pero tamén, á posibilidade dunha nova relación: Alicia, unha moza enfermeira que conseguirá tranquilizalo. Miguel tratará de levar a termo o seu traballo aínda que case sempre prefira gravar os paisanos cos que se encontra, os movementos e os rostros dos seus amigos, os trens pasando ou o mar.
O seu director define o filme, cuxa montaxe realizou Fernando Franco (La herida), como unha viaxe en torno ao desarraigamento (o cine) e o amor.
Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco e Xabier Deive, xunto a Marta Pazos e Hugo Torres son o resto dos membros do seu elenco.
Producida por Matriuska Producciones, Las altas presiones rodouse co apoio de Televisión de Galicia, Agadic e do Concello de Pontevedra. ÿ a segunda película de Ángel Santos tras Dos fragmentos/Eva (2010) e as curtametraxes El cazador, Adolescentes, Fantasmas #1 y #2, Sara y Juan o Septiembre.
Relacionadas:
-
A semana internacional de cine de Valladolid, décima parada 'festivaleira' de 'Las altas presiones'
Por Redacción |
-
Venres de estrea en Pontevedra con 'Las altas presiones' de Ángel Santos
Por Elsa Juliá Sánchez & Daniel Santomé & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Que hai que facer para sacar o mellor dun actor nun cásting?
Por Redacción |
-
As altas presións do pontevedrés Ángel Santos, Premio Las Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla
Por Redacción |
-
Corea do Sur acollerá a estrea mundial da película "As altas presións" de Ángel Santos
Por Redacción |
-
'Las altas presiones' comeza a rodarse na Praza da Verdura
Por Redacción |