"A guerra dos números", teatro e música cheos de humor no Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Mónica Patxot
Nenos de toda Galicia asistiron este martes no Salón do Libro a un espectáculo moi especial. Tratábase de A guerra dos números, unha montaxe creada en exclusiva para esta cita cultural e que está baseada nun conto de OQO Editora.
Recomendada para nenos a partir de tres anos, preto de 800 escolares gozaron no auditorio do Pazo da Cultura con esta obra interactiva, interpretada por Lucía Lado e María Aldao con música do Seminario Permanente de Jazz.
A guerra dos números é un espectáculo de teatro e música co que, dende o humor, os máis pequenos poderán achegarse ás matemáticas a través de operacións de resta e a suma, e tamén a valores como a paz, a liberdade e o compañeirismo.
Ademais deste espectáculo, a xornada deste martes dentro do Salón do Libro contou tamén coa conferencia do científico e divulgador Xurxo Mariño, na que falou das súas experiencias por numerosos países, centrándoas na ciencia e na antropoloxía. Durante esta escapada de preto dun ano, o autor tivo a idea de crear un relato, que é só unha parte do libro no que está a traballar.
A incrible historia de Geobot é a dun robot con moita experiencia que traballou durante décadas para a Universidade de São Paulo. "Intelixente, o que se di intelixente, non parecía. Ou ao mellor non tivera tempo de demostralo", recorda o divulgador que repartiu exemplares deste relato que escribiu durante a súa viaxe arredor do mundo.
As actividades comezaron co obradoiro Contos de ciencia ficción, impartido pola compañía Mirari Urruzola, ao que lle seguiu a sesión de contacontos Dalle voltas, Da Vinci!, con Brais das Ortas.
Relacionadas:
-
Máis de 11.000 persoas visitan o Salón do Libro Infantil e Xuvenil durante a súa primeira semana
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pep Bou, o mago das pompas de xabón, asombra ao público pontevedrés no Salón do Libro
Por Redacción |
-
Alicia no pais das marabillas e a teoría cuántica
Por Redacción |
-
"Teño intentado escribir en castelán, pero só sei escribir en galego"
Por Redacción |
-
O Pazo da Cultura abre as súas portas de par en par á ciencia e á ficción
Por Mónica Patxot |