Pedro Alonso e 'Morris' estrean "O Crédito" en Pontevedra, unha comedia que promete "teatro en estado puro"
Por Alejandro Espiño
Non unha nin dúas, senón tres oportunidades terán os pontevedreses de ver unha das grandes apostas do teatro galego para esta tempada. O Teatro Principal acollerá os días 5, 6 e 7 de febreiro as tres primeiras representacións de O Crédito, a última montaxe teatral das compañías Eme2 e Tanttaka. A obra chega a Galicia despois dun grande éxito de público e crítica durante as dúas tempadas que leva representándose en Madrid e Barcelona.
"Este é un teatro onde se ve de marabilla. ÿ un espazo onde se pode aspirar ao rock and roll en directo", afirmou o actor Pedro Alonso -coñecido polos seus traballos en series de televisión como Padre Casares ou Gran Hotel-, que comparte escenario con Antonio Durán 'Morris', outro dos grandes rostros do audiovisual galego. A frase resume a expectativa que os membros da produción teñen de cara a esta estrea, que lles servirá para testar a obra ante o público.
O Crédito, escrita por Jordi Galcerán (O Método Grönholm), presenta unha historia que "llega a la gente porque parte de una situación muy cotidiana, muy cercana al público", segundo explicou na presentación o seu director, Fernando Bernués. Nela, o director dunha sucursal bancaria (Morris) négalle un crédito a un cliente desesperado (Pedro Alonso), por falta de avais. Pero a partir de aí, "indaga en un territorio más controvertido, el alma humana".
Tras negarlle o crédito, o cliente reta ao director da sucursal e, en palabras de Antonio Durán 'Morris', a partir dese momento "prodúcese un duelo de dous individuos que se botan un pulso e rematan enganchados no destino que se traza nesa oficina". En resumo, afirmou o director, trátase dunha comedia que fala da vulnerabilidade humana, de "pequeños eventos que se pueden convertir en un huracán que pone nuestra vida patas arriba".
En todo caso, Morris aclara que a obra transcende o problema bancario. "Estes dous homes vanse redescubrindo a si mesmos e dos seus conflitos internos nace o desenlace que fai que acabes cun sorriso na boca", sinalou o actor, que afirmou que era un "pracer" estrear esta obra en Pontevedra e nun Teatro Principal no que, recordou, foi dos primeiros en actuar tras a reconstrución que se fixo nos anos 80 tras o incendio que asolou as instalacións.
Pedro Alonso insistiu en que O Crédito é unha obra que utiliza "claves moi contemporáneas" e que demostra que calquera persoa "está a catro minutos do caos". Móstrase tan seguro de que a obra será un éxito que o actor bromeou asegurando que "gustaríame dicirlle ás persoas que nunca foron ao teatro que se veñen a ver esta obra, van repetir. Seguro. Non teño ningunha dúbida. E estou disposto a devolverlles os cartos se non é así".
Os seus protagonistas aseguran que o público gozará dela "porque ten ironía, desespero, xogo... é teatro en estado puro"
Para o director vasco hai certo "deleite sociológico" na obra, que segundo subliñou Pedro Alonso "activa a enerxía que acumulamos cada vez que vemos os informativos ou lemos as noticias para facer con ela algo lúcido, divertido,". Os tres coinciden en que se trata dun espectáculo "liberador", un convite "a vivir a vida e a pasalo ben" e que o público gozará dela "porque ten ironía, desespero, xogo... é teatro en estado puro".
Trátase dunha produción moi coidada, na que se empregaron seis semanas. Un longo proceso de traballo que recollerá os seus froitos a partir deste xoves en Pontevedra, ante un público do que os seus protagonistas esperan "complicidade" para encher o Teatro Principal os tres días de representación. E o tempo augura cousas boas, xa que como recordou Pedro Alonso "chove porque non teatro vai haber unha experiencia feliz".
PUNTO DE PARTIDA DUNHA AMPLA XIRA
Pola súa banda, a produtora da obra, Mercedes Castro, sinalou que o Teatro Principal é o "punto de partida" dunha ampla xira que xa conta con 26 representacións nos principais teatros de Galicia. Arrancan "gustosamente" en Pontevedra, unha cidade que se caracteriza, dixo, "pola súa aposta pola cultura e o noso idioma" e por iso invitou os pontevedreses a ver como dous actores "marabillosos" dan vida a un texto "extraordinario".
No caso das tres funcións en Pontevedra, as entradas pódense adquirir a través de www.servinova.com. Teñen un prezo de dez euros para estudantes, parados e xubilados e de doce euros para o público xeral.