A estrea de 'O Crédito', interpretada por 'Morris' e Pedro Alonso, sáldase cun rotundo éxito
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
O público encheu as butacas do Teatro Principal para asistir á primeira función de 'O Crédito', unha comedia que nace da imaxinación do autor catalán Jordi Galceran ('O método Grönholm') e que se traslada aos escenarios galegos a través da compañía Eme2. En poucas ocasións, Pontevedra acolle unha estrea teatral destas características e, menos habitual aínda, é que unha compañía arrisque a permanecer tres días en cartel na cidade. Eme2 apostou por esta opción e con éxito.
Distintos representantes da cultura galega con actrices como Mayka Braña ou Andrea Bayern ou críticos como Camilo Franco, ademais de autoridades políticas, seguiron a divertida trama argumental que parte dunha situación tan actual e, a priori, pouco humorística como o rexeitamento da concesión dun crédito bancario.
Antonio Durán 'Morris' e Pedro Alonso transfórmanse nun director dunha entidade financeira e nun cidadán que acode ás oficinas para solicitar un préstamo de 3.000 euros sen presentar ningún aval. A partir dese momento xérase un enfrontamento entre os dous personaxes cun xogo de variantes de poder. Empregando unha escenografía sobria, salvo pola utilización dunha pantalla a xeito de ventá que axuda á situación temporal do espectáculo, o argumento desenvólvese a un ritmo vertixinoso, en ocasións, mesmo excesivamente trepidante. Ao longo dunha hora e vinte minutos, 'O Crédito' emprega xiros na trama inesperados que provocan a sorpresa, a gargallada do público e mesmo a irrupción de aplausos durante o desenvolvemento dalgunha das escenas.
Os dous intérpretes, dirixidos por Fernando Bernués, elaboran uns personaxes paródicos que recrean unha sociedade marcada polos intereses privados e polos imprevistos da inestabilidade provocada por factores anecdóticos.
Con esta estrea, Eme2 inicia unha xira de 26 funcións polas principais cidades de Galicia. Este venres 6 e o sábado 7 os dous coñecidos actores volverán subir ao escenario do Teatro Principal a partir das 21.00 horas. As entradas poden adquirirse a través de servinova.
PontevedraViva invita os lectores a participar no noso concurso para obter dúas invitacións a este espectáculo a través da nosa páxina de Facebook.