A Biblioteca de Pontevedra, a polo lector electrónico
Por Alejandro Espiño
Cada vez máis os libros electrónicos captan un maior número de lectores. Conscientes diso, hai dous anos a Biblioteca de Pontevedra estreou un servizo de consulta e préstamo de publicacións neste formato dixital. Pódese acceder a libros sen dereitos de autor a través dos 40 'ebooks' cos que conta o centro. Pero en breve engadiranse, inicialmente, uns 1.500 títulos novos cos que se impulsarán este tipo de préstamos.
A biblioteca pontevedresa participará nun proxecto denominado eBiblio, impulsado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Trátase dun servizo gratuíto que busca estender o servizo de préstamo de libros electrónicos "mejorando las posibilidades de acceso a los ciudadanos" e aumentar a diversidade, os soportes e o volume das coleccións das bibliotecas públicas españolas, segundo o secretario de Estado de Cultura, José María Lassalle.
A primeira fase poñerase en marcha antes de que finalice este ano. Na súa implantación colaborará a Xunta de Galicia que, ao igual que o resto de comunidades autónomas, complementará o catálogo en función dos seus intereses, como pode ser a lingua do contido dos devanditos libros electrónicos, xa que para esta primeira fase só se adquiriron licenzas para títulos en castelán.
Ao portal, aínda en fase de probas, se pode acceder a través de http://galicia.ebiblio.es/. Poderá facer uso del calquera persoa que dispoña da tarxeta de usuario da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Todos eles poden acceder a un amplo catálogo de títulos e tomalos en préstamo en formato dixital, para ser lidos en tabletas, teléfonos intelixentes, ordenadores persoais ou lectores de libros electrónicos compatibles con DRM de Adobe.
A primeira fase deste programa eBiblio poñerase en marcha antes de que finalice este ano
Unha vez localizado o exemplar que interesa, pódese acceder a información que se achega sobre el e coñecer a súa dispoñibilidade (a rede dispoñerá de 3 ou 4 licenzas por libro). Poden tomar en préstamo ata un máximo de dous libros electrónicos de forma simultánea, que estarán dispoñibles para a súa lectura durante 21 días.
Haberá a posibilidade de renovar ata dúas veces polo mesmo período se os libros seleccionados non foron reservados por outros usuarios. Unha vez finalizado o prazo establecido, o libro electrónico deixará de estar accesible nos dispositivos. Cada título elixido será tamén intransferible, aínda que pode ser compartido polo usuario ata en cinco diferentes dispositivos.
O servizo de eBiblio Galicia estará dispoñible en castelán, galego e inglés. Ofrecerá unha colección de libros electrónicos de todo tipo: ficción e non ficción para público adulto, infantil ou xuvenil; obras xerais sobre ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais, arte e humanidades; obras xerais relacionadas con cuestións de saúde, autoaxuda e desenvolvemento persoal, ou publicacións relacionadas co ocio, viaxes, deportes e informática de interese xeral.
O custo da primeira fase deste proxecto, que asume integramente o Ministerio, ascende a 1,6 millóns de euros. Espéranse alcanzar as 5,6 millóns de lecturas gratuítas de forma legal, xa que cada unha das 200.000 licenzas adquiridas para todas as bibliotecas españolas que participan nesta iniciativa permite unha media de 28 usos ou lecturas.
Relacionadas:
-
AGE denuncia que a Xunta retira as axudas á biblioteca pública da cidade
Por Redacción |
-
Volven os clubs de lectura en galego, castelán, portugués e inglés á Biblioteca de Pontevedra
Por Redacción |
-
Preocupación nas bibliotecas de Pontevedra polo decreto que lles obriga a pagar por cada libro prestado
Por Alejandro Espiño |