AGE denuncia que a Xunta retira as axudas á biblioteca pública da cidade
Por Redacción
Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Xabier Ron e Ramón Vázquez denuncian que a Xunta de Galicia vén de deixar sen axudas a todas as bibliotecas públicas das sete cidades galegas, entre elas a de Pontevedra e sinalan que o PP "convértese nun bárbaro cultural, nun bibliocida persistente, e asáñase sobre todo co libro en galego, o máis feble".
Baséanse na orde publicada no Diario Oficial de Galicia do 23 de setembro que establece que as poboacións con máis de 30.000 habitantes quedan excluídas de recibir cartos para as súas bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.
"A Xunta opta de forma decidida por eliminar o mundo da edición en galego ao sometelo a unha morte paseninña"
Segundo denuncia AGE a través dun comunicado, a convocatoria de axudas, que pasa de anual a plurianual, retalla 420.000 euros, é dicir, un 84% respecto de 2013. Na opinión de Xabier Ron e Ramón Vázquez, "isto é unha barbaridade" á que hai que sumar que no último Pleno do Parlamento de Galicia o PPdeG "se negou a exercer as súas competencias e esixir ao goberno do Estado a exención do pago do canon por préstamo e adquisición para as bibliotecas públicas e outras entidades sen ánimo de lucro".
Ademais, asegura que a Xunta "reduce á mínima expresión" a adquisición de libros en galego, o que dende AGE ven como "un ataque directo á promoción do libro en galego", pois na orde actual só se espeficica que unha terceira parte dos fondos bibliográficos deberá estar editado en galego.
Ao respecto, aseguran que "a Xunta opta de forma decidida por eliminar o mundo da edición en galego ao sometelo a unha morte paseniña", algo que definen como "unha brutal tesoirada".