A evolución do cómic español ilumina o Sexto edificio do Museo de Pontevedra
Por Redacción
Debuxos das novelas gráficas cobren as paredes dunha das salas de exposición do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra dentro da mostra que se inaugura este venres 20 e que ten ao mundo do cómic español como protagonista.
Este proxecto nace a raíz dunhas xornadas celebradas no Museo coa presenza de autores como Kiko da Silva ou David Rubín, segundo explicou a deputada provincial Ana Isabel Vázquez. Con esa idea desenvolveuse esta mostra coa intención de que se observe a evolución do cómic, a través de dez autores, ata ser considerada a novena arte. "Queremos abrir ao público en xeral unha parte da arte que non estaban acostumados a ver nos museos", indicou Ana Isabel Vázquez.
Octavio Beares, comisario da exposición, seleccionou oito debuxantes e dous guionistas entre Premios Nacionais e Premios no Salón do Cómic de Barcelona. Desta forma, a mostra recolle distintas fases destes autores durante o proceso de creación ata chegar ás obras publicadas, que tamén poden lerse na propia sala. "Tanto en Galicia como non Estado, estamos nun momento dourado", afirmou Beares que sinalou que esta proposta permite establecer unha conexión coas ilustracións da sala Castelao del Museo.
Os autores que se recollen na mostra son os galegos Miguelanxo Prado; David Rubín e José Domingo; ademais do popular Paco Roca, creador de 'Arrugas' Alfonso Zapico; Max; Santiago Valenzuela; Kim e os guionistas Antonio Altarriba e Santiago García. O comisario engadiu que o mundo do cómic sempre foi moi masculino e mesmo "gañán". Recoñeceu que é unha débeda atender o cómic elaborado por mulleres pero asegurou que "é verdade que algunha autora podería estar nesta sala".
A exposición 'Do cómic á novela gráfica' permanecerá aberta durante un mes, ata o 20 de xullo.