A actriz María Mera, estrela dunha nova curtametraxe que se rodará en Pontevedra
Por Redacción
Unha historia disparatada, baseada en viñetas do coñecido conto de Ibáñez, 'A Rue del Percebe', é a base da curtametraxe El cubo de Rosa, que comezará a rodarse nas próximas semanas en Pontevedra e ten previsto que se estree a finais deste verán.
Durante este martes 3 presentouse esta produción que conta co apoio da Pontevedra Film Commission. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, indicou que este traballo cinematográfico incluirá varios planos aéreos nocturnos de Pontevedra, tomados cunha cámara hexacóptero, nos que se verán as prazas da Ferrería, da Verdura e outras do centro histórico. A concelleira engadiu que o loro Ravachol aparecerá na súa versión de peluche nalgún dos planos do curto.
A actriz protagonista da historia, María Mera, e o director, Gonzalo Caride, apuntaron que esta fin de semana gravarán un tráiler de tres minutos na cidade, que tamén serán os tres primeiros minutos do curto. A través deste tráiler levarán a cabo unha campaña de crowdfunding para intentar recadar fondos que axuden no financiamento da película.
O argumento de 'El cubo de Rosa' céntrase na historia dunha veciña que se ergue para mexar todas as noites ás 4.26 horas da madrugada. Ao baleirar un cubo de auga no retrete provocará unha reacción en cadea que afectará a todos os veciños ata o punto de provocar o derrubamento do edificio.