Pontevedra acollerá en febreiro a rodaxe da curtametraxe "Wendyland is dead"
Por Redacción
Unha curtametraxe que se rodará en espazos públicos e privados de Pontevedra durante o próximo mes de febreiro reflexionará sobre a dependencia emocional e os síndromes de Wendy e Peter Pan. A produción, que chega co apoio da Pontevedra Film Commission, foi presentada este xoves pola concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, e unha parte do equipo deste proxecto, titulado Wendyland is dead.
A curta, producida por "My Art Project", parte dun guión de Noelia Toledano, que tamén se ocupará da dirección. A rodaxe, que contará con destacados actores galegos, realizarase en localizacións tan representativas da cidade como o Centro Histórico, as pontes e o paseo do Lérez. Pero tamén haberá espazos pechados como salóns de peiteado, tendas de roupa, consultas médicas e locais nocturnos.
Noelia Toledano destacou que non se trata dunha película feminista, pero si é unha película sobre mulleres. Aborda a necesidade absoluta de satisfacer á parella ou aos fillos, que sofren especialmente as mulleres por causa do medo ao abandono e tamén como resultado dunha educación baseada en estereotipos. Un síndrome moi conectado co síndrome de Peter Pan, máis común nos homes, e que caracteriza a aqueles que non queren crecer nin asumir as obrigas e responsabilidades da idade adulta.
"Cada Peter Pan necesita una Wendy para asumir todo lo que él no afronta", recalcou Toledano.
O guión non fala de violencia de xénero, destacou a directora, senón máis ben do cerne, da raíz profunda e emocional, que fai posible ese tipo de situacións dramáticas. "Las mujeres no deben esperar a que les baje la luna, deben bajarla ellas mismas tomando las riendas de su vida". E así, Wendyland is dead é unha reflexión sobre a distorsión do amor romántico e as ideas preconcibidas, inoculadas dende idades temperás, sobre a busca do príncipe azul ou do home ideal..
O peculiar enfoque desta produción fará que, ademais de seren distribuída en festivais de cine, se vaia poñer especial énfase en facela chegar a gabinetes psicolóxicos, centros penitenciarios, escolas e ámbitos relacionados coa educación e a sanidade. Haberá unha versión subtitulada en inglés.
Carlota Román explicou que a oficina da Pontevedra Film Commission foi creada en 2013 e, dende entón, xa impulsou proxectos audiovisuais diversos: dúas temporadas da web-serie Clases de lo Social, tres curtas sobre a vida de La Bella Otero, Maruja Mallo e María Casares e un spot publicitario sobre os viños galegos. Actualmente, estase a traballar noutros tres proxectos, un deles ao redor da figura de Castelao e a súa etapa pontevedresa.
Relacionadas:
-
Anabel Gulías comprométese a manter a Film Commission na presentación de 'Wendylad is dead'
Por Anxo Lourido |
-
O pontevedrés Samuel Lema rodará a curtametraxe 'Desde dentro', un thriller ambientado na cidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A actriz María Mera, estrela dunha nova curtametraxe que se rodará en Pontevedra
Por Redacción |
-
'Clases de lo social' inicia a rodaxe da segunda temporada con máis protagonismo feminino
Por Redacción |