A artista greco-exipcia Farida El-Gazzar tamén participará na Bienal da Deputación
Por Redacción
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de recibir en Santa Clara á artista grego-exipcia Farida El-Gazzar e confirmou que será unha das participantes da recuperada Bienal de Arte. Na súa visita, a artista percorreu da man de Domínguez as instalacións do Convento de Santa Clara.
A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra regresa despois de 15 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025.
Deste xeito, baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”, a Bienal atraerá a artistas destacados como Francesc Torres e Farida El-Gazzar, que esta semana foron confirmados por Rafa Domínguez, e a outros moitos de relevancia internacional.
Busca promover o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando á cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.
Farida El-Gazzar naceu en 1975 en Alexandría, Exipto, pero está afincada en Atenas (Grecia). Foi cofundadora do equipo creativo WARDA. Formouse na Escola de Arte e Deseño Vakalo de Atenas e tamén na Universidade de Kingston de Londres e no Royal College of Art da citada cidade británica.
Ten realizado residencias en Bahréin ou O Cairo e recibiu numerosos premios. Ademais a súa obra foi exposta en cidades de todo o mundo como Nova York, Miami, Londres, Dubai, O Cairo ou Atenas.