O ciclo de conferencias 'Tempo de lecer' volve os mércores de agosto ao Centro Social do Mar de Bueu
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Concello de Bueu e o grupo 'O mar por diante' organizan o ciclo de conferencias 'Tempo de lecer', que se celebrará todos os mércores de agosto ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, e que busca poñer en valor a historia da vila así como recuperar as súas voces culturais, artísticas e literarias ao longo do tempo.
O programa comezará o vindeiro mércores, 7 de agosto, coa mesa redonda "Texto e territorio IV", na que participarán artistas da vila ou vinculados a ela, como Cristóbal Gabarrón, José María Barreiro, Olalla González, Marc Taeger e Nerea Cordeiro, coa moderación de Salvador Castro Otero. A través desta mesa búscase visibilizar o talento da creación e ao tempo que se analizan os vasos comunicantes posibles entre creación, reflexión, formación, escrita e territorio. Así mesmo, tamén se reflexionará sobre o xeito no que o espazo familiar de desenvolvemento persoal inflúe na creación artística.
O 14 de agosto será a quenda do xornalista Francisco Rodríguez Pastoriza, quen analizará as testemuñas visuais da Guerra Civil española, así como os autores das mesmas.
O investigador local Arturo Sánchez Cidrás falará o 21 sobre a historia do cinema e do teatro en Bueu. Dende o cine mudo até o cinemascope, das proxeccións ao aire libre ás salas.
O programa rematará coa conferencia "O mar feito arte: a pegada de Urbano Lugrís en Bueu", a cargo do xornalista Francisco Rodríguez Pastoriza nunha conversa con José María Barreiro.
Ademais das propias charlas, dende o Concello de Bueu anúnciase a publicación de varios libros que reunirán o contido das mesmas e que se entregarán de balde ao público asistente.
Relacionadas:
-
A Asociación Retrouso de Bueu celebra cunha gala especial o seu aniversario de prata
Por Redacción |
-
A aula da natureza de Udra, a tope de actividades durante o mes de agosto
Por Redacción |
-
O público familiar poderá gozar de cinema, teatro, humor e espectáculos circenses en Bueu durante agosto
Por Redacción |
-
O Premio Cinema Galego do FICBueu será para a actriz María Vázquez
Por Redacción |
-
Preparado o eclecticismo de La Oreja de Van Gogh, Rozalén e Tanxugueiras para asaltar o SonRías Baixas
Por Redacción |