O Premio Cinema Galego do FICBueu será para a actriz María Vázquez
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A actriz María Vázquez, protagonista da aclamada película Matria, recibirá este ano o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu), que celebrará a súa décimo sétima edición entre os días 6 e 21 de setembro.
O certame recoñece dende 2016 con este galardón as achegas de profesionais da industria audiovisual de Galicia durante a súa traxectoria. Vázquez recibirá o seu recoñecemento o 14 de setembro nun evento no que tamén manterá unha conversa aberta co público do festival.
En anos anteriores, os premiados foron as actrices Mabel Rivera, Melania Cruz e Luísa Merelas e os actores Miguel de Lira, Alfonso Agra, Antonio Durán Morris e Celso Bugallo.
María Vázquez comezou a súa carreira coma intérprete hai preto de 25 anos. Vencellada profesionalmente tanto ao audiovisual de Galicia coma ao español, estivo nomeada en dúas ocasións aos Premios Goya, a máis recente en 2024 pola súa interpretación en Matria.
Ao longo da súa carreira, Vázquez mereceu ademais tres Premios Mestre Mateo polas súas interpretacións noutras tantas producións.
A actriz viguesa tamén participa decote producións de teatro e televisión. O seu traballo máis recente para a pequena pantalla é na serie El jardinero, producida por Netflix e que será estreada nos vindeiros meses.
XURADO DO FICBUEU
O equipo do festival apura nestes días os últimos detalles organizativos da vindeira edición do certame, cuxos xurados para as seccións a concurso, a Oficial e Descubertas, que premia as mellores producións das autoras e autores máis novos, xa foron designados.
A directora executiva e programadora do Festival de Tampere (Finlandia), Riina Mikkonen, o director, guionista e produtor Chema García Ibarra e a programadora, crítica e xornalista serbia Tara Karajica serán as tres persoas encargadas de decidir os filmes gañadores da Sección Oficial.
Compoñen o xurado de Descubertas a fotógrafa e gestora cultural Elisa Pereira, o programador e investigador Xan Gómez e a tamén programadora, investigadora e crítica Daniela Urzola.
Relacionadas:
-
Rodrigo Cortés, Arturo González Campos e Juan Gómez Jurado volven participar no FICBUEU
Por Redacción |
-
O ciclo de conferencias 'Tempo de lecer' volve os mércores de agosto ao Centro Social do Mar de Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
O público familiar poderá gozar de cinema, teatro, humor e espectáculos circenses en Bueu durante agosto
Por Redacción |
-
A 'Retrospectiva' do FICBUEU estará dedicada a Jonas Mekas, fundador do cinema de vangarda estadounidense
Por Redacción |
-
O FICBueu 2024 celebrarase do 6 ao 21 de setembro
Por Redacción |
-
O FICBueu exclúe do festival calquera curtametraxe financiada por Israel
Por Alejandro Espiño |