Amplían o programa de visitas comentadas a 'Pontevedra no tempo' dada a resposta inicial do público
Por Redacción
Xunta e Afundación anuncian a ampliación do número de visitas comentadas á exposición 'Pontevedra no tempo' que se exhibe na sede de Afundación nesta capital. As primeiras sesións tiveron o aforo completo e ante a demanda do público engádense novas datas, que aínda non se precisaron.
'Pontevedra no tempo' é a última das exposicións do proxecto Cidades no Tempo que reivindica a identidade urbana de Galicia e que mira ás sete principais cidades galegas. A través de obras de arte, obxectos históricos, mapas, planos, fotografías, vídeos e instalacións multimedia, o visitante achégase á identidade e papel na historia de Galicia destas urbes.
Como exemplos do que se pode ver na cidade do Lérez está o plano máis antigo que se conserva de Pontevedra; a bandeira de Ponte Sampaio que conmemora a vitoria fronte ao exército francés; debuxos de Castelao sobre menús do Casino, o plano da primeira oficina da Caixa de Pontevedra realizado por Bóveda ou unha das gaitas de Perfecto Feijóo.
A expensas de detallar eses engadidos, as próximas visitas guiadas para o mes de agosto serán os días 8 e 21 ás 19.00 horas, conducidas pola historiadora Milagros Bará, que é tamén coordinadora local da exposición.
Tamén estaba xa prevista unha incursión guiada polo propio comisario da mostra, Manuel Gago, director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega, o 5 de setembro á mesma hora.
En calquera caso, quen queira coñecer a exposición sen guía poden facelo ata o 14 de setembro de luns a sábados en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.
Relacionadas:
-
O Palacete das Mendoza acolle a exposición 'Fantasías' de Santiago Piñel 'Lenny'
Por Redacción |
-
Unha exposición afondará en Lérez sobre o servizo militar e o servizo social feminino
Por Redacción |
-
'Pontevedra no tempo', a exposición que traza os fitos da urbe que quixo ser vila
Por Noticia patrocinada |
-
'Pontevedra no tempo', a exposición que retrata a identidade colectiva da cidade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot & María José Pita |