Exitosa noite festiva en Cerdedo-Cotobade co musical 'Camiñantes e cantantes'
Por Redacción
Manuel Manquiña, Pili Pampín, Pepo Suevos e a orquestra La Ocaband conseguiron un notable éxito de público durante a pasada velada festiva do 25 de xullo no municipio de Cerdedo-Cotobade.
Todos eles formaron parte do espectáculo 'Camiñantes e cantantes' que se ofrecía con motivo das festas do Divino Ecce Homo e a Virxe dos Dolores.
Trátase dun musical en galego que homenaxea as verbenas en Galicia e que chegou a este concello pontevedrés a través dunha colaboración coa Xunta.
"Os nosos veciños sempre responden masivamente a este tipo de espectáculos de calidade, dando boa mostra de que son apropiados para este tipo de celebracións", sinalou o alcalde Jorge Cubela.
O público asistiu a un percorrido polos diferentes roteiros xacobeos a través de artistas galegos que os conducen polos seus lugares de orixe e polas súas cancións icónicas.
Soaron así temas de Fuxan Os Ventos, A Roda, Juan Pardo, Julio Iglesias, Cómplices ou Siniestro Total, e tendo como condutores do espectáculo multimedia a Manquiña e Suevos.