Crece o interese por descubrir os mitos e as historias que agocha 'Pontevedra no tempo'
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8ac/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669a76a2bc-rocio-cibes.jpg)
© Rocío Cibes
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9c7/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669a76f26e-240715105.jpg)
© Manuel G Vicente
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c88/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669a77151b-240715047.jpg)
© Manuel G Vicente
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d44/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669a7729dc-rocio-cibes-02.jpg)
© Rocío Cibes
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e35/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669a77cb11-usada-01.jpg)
© Manuel G Vicente
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2e5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669a77d662-usada-00.jpg)
© Manuel G Vicente
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2c3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669a780dab-240715032.jpg)
© Manuel G Vicente
Na súa segunda semana aberta ao público, a exposición Pontevedra no tempo está a suscitar moito interese, tanto entre os pontevedreses como entre os numerosos visitantes que se achegan nestas datas á cidade do Lérez.
Pontevedra no tempo é unha iniciativa organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, que se mostra na sede de Afundación en Pontevedra ata o 14 de setembro, con entrada de balde.
Trátase da derradeira das exposicións que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, Cidades no tempo. Tras Santiago, Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense, a proposta culmina o seu percorrido en Pontevedra, coa meta de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.
Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora, divulgadora e cronista Milagros Bará Viñas. Colaboran tamén de forma esencial institucións relevantes da cidade como son o Museo de Pontevedra e o Concello, ademais de coleccións privadas e entidades do exterior.
PERCORRIDO POLA EXPOSICIÓN
Pontevedra no tempo recibe ao visitante coa sección Mitos, na que se explora a vinculación co seu mito de orixe: a fundación da cidade por parte dun continxente de guerreiros aqueos liderados polo arqueiro Teucro.
O retrato do mariñeiro Ricardo Martínez feito por José Llasera (1926) portando o cetro co Teucro, que se mostra por primeira vez ao público, é un excelente expoñente do uso do mito fundacional polos veciños da cidade no pasado. Ao seu carón, exponse A aperta do carballo (1985) de Manuel Moldes, que desvela o proceso de fusión na modernidade do mito clásico coa ancestralidade cultural galega.
Na área de Tramas a mostra mergúllase en documentos, planos, mapas e deseños para abordar as transformacións urbanas de Pontevedra, cidade cuxa configuración estivo condicionada por dúas realidades xeográficas: o binomio ría-río e a condición fronteiriza.
O espazo de Cidade produtiva presta atención a un diverso conxunto de documentos que explican as fontes económicas da cidade, dende a vella pesca do século XVI, exemplificada nas custosas expedicións ao bacallau de Terranova, ata a campiña agrícola que fixo falar aos viaxeiros da fértil horta e proveu parte das rendas fidalgas da Idade Moderna, ou os novos emprendementos motivados pola entrada de capital da emigración, exemplificados coas Augas do Lérez de Casimiro Gómez.
Na Cidade Sistema pódese ver a organización do lugar como conxunto humano, dende os interesantes títulos de nomeamentos de alcaldes da vila do século XV, ata referencias a infraestruturas como a ponte do Burgo, a chegada do ferrocarril e o camiño de Padrón a Pontevedra, da man do arcebispo Sebastián Malvar. Tamén se inclúen os equipamentos culturais, e como o Museo de Pontevedra se configurou como un elemento central da propia identidade da cidade.
No apartado Estética tentouse representar como a cidade conserva trazas das transformacións do espazo urbano. Dende os capiteis góticos ata a complexidade do Renacemento pontevedrés, exemplificado na condensación simbólica da contraportada de Santa María a Maior, pasando polas arquitecturas da Idade Moderna coa peculiar solución de soportais que chegou ata hoxe.
O ámbito de Escenarios explora diversos ámbitos que se artellan no binomio: Boa Vila e Boa Vida. O título Boa Vila, termo acuñado polo historiador francés Jean Froissart tras o asedio polos ingleses en 1386, alude na mostra á recuperación contemporánea desta expresión a través de obxectos e obras que exploran a memoria da cidade no intervalo entre o burgo baixomedieval e os inicios da Idade Moderna.
A Boa Vida refírese á celebración como acontecemento social, entre o gusto urbano e a festa rural. A gaita de Perfecto Feijoó, aquí exposta, representa unha auténtica icona da dignificación do instrumento e o novo status da cultura popular que chega ata hoxe.
Na Cidade galante amósase o rico universo do estilo de vida da burguesía local, a través dunha variada colección de obxectos que falan de representación (cámara do fotógrafo Joaquín Pintos), a roupa feminina (das irmás Mendoza ou os sombreiros de Ramona Casqueiro), ou o Casino como espazo neurálxico da sociabilidade burguesa.
Cidade narrada é o punto para deterse nunha selección de cinco libros e cinco xornais que contribuíron a crear unha imaxe da cidade para a veciñanza pero tamén para o exterior. Recóllese o primeiro xornal local coñecido, Las Musas del Lérez (1842) e cabeceiras como Diario de Pontevedra ou a revista de vangarda Alborada.
Pontevedra no tempo
Sala de Exposicións Afundación Pontevedra
Rúa Augusto González Besada, 2 (Pontevedra)
15 xullo - 14 setembro 2024
De balde
Luns a sábado, de 11 a 14h e de 17.30 a 20.30 horas
Non abre domingos nin festivos