'Pontevedra no tempo', a exposición que retrata a identidade colectiva da cidade
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/071/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66958d3590-20240715-patxot-pontevedra-no-tempo-0981.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/fbc/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66958d35cc-20240715-patxot-pontevedra-no-tempo-0983.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/730/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66958d3672-20240715-patxot-pontevedra-no-tempo-0988.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/71a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66958d368f-20240715-patxot-pontevedra-no-tempo-0989.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/428/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66958d36ab-20240715-patxot-pontevedra-no-tempo-0990.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/15f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66958d389f-20240715-patxot-pontevedra-no-tempo-0998.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a1c/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66958d3942-20240715-patxot-pontevedra-no-tempo-1004.jpg)
© Mónica Patxot
Ata o próximo 14 de setembro poderase visitar a exposición Pontevedra no tempo, unha mostra impulsada pola Fundación Cidade da Cultura que, segundo os seus responsables, retrata a conciencia e a identidade colectiva da cidade do Lérez.
Este proxecto expositivo, aberto na sala de exposicións de Afundación en Pontevedra, inclúe un centenar de obxectos físicos e preto de 120 pezas dixitais que, co seu mito fundacional como punto de partida, explora as transformacións experimentadas na súa historia.
Manuel Gago, comisario desta mostra xunto coa pontevedresa Milagros Bará, mostrou a súa satisfacción porque esta iniciativa -que xa pasou polas outras seis grandes cidades galegas- conclúa en Pontevedra ao ser unha "metáfora certeira" da identidade urbana galega.
"Pontevedra é un resumo da paisaxe urbana galega", explicou Gago, debido á súa proximidade co mar e a súa situación no fondo da ría, "o que a conecta co interior e co mundo rural". A iso sumou a tradición de ser unha cidade "que celebra e se divirte".
A exposición Pontevedra no tempo, segundo os seus comisarios, está deseñada para que o público a percorra "como quen visita o salón dunha familia", admirando fotografías e recordos de toda unha vida. Neste caso, co río e a ría como fío condutor, porque "son o xermen da cidade".
Tras lembrar que a lenda de Teucro "é a única que sobreviviu no tempo ata hoxe" en relación á fundación das cidades galegas, Manuel Gago indicou que o percorrido por esta mostra permite coñecer os cambios que atravesou Pontevedra co paso dos séculos.
Así, despois de repasar o seu espírito portuario, cuxo maior esplendor chegou no século XVI, a exposición detense na súa conversión nun importante epicentro administrativo da man dunha burguesía que, ao amparo da capitalidade, impulsou iniciativas empresariais, culturais, financeiras ou urbanísticas que fixeron de Pontevedra "unha boa vila para unha vida boa".
O discurso expositivo está apoiado en numerosos documentos, planos, mapas ou deseños que abordan a transformación urbana de Pontevedra; ou en obxectos históricos, obras de arte e fotografías que certifican os diferentes fitos alcanzados pola sociedade pontevedresa.
Entre as pezas máis rechamantes expóñense, entre outros, o coñecido como "cetro de Teucro", símbolo da Pontevedra do Renacemento; as primeiras mencións documentais da cidade, alá polo século XII; ou as chaves das portas da antiga muralla de Pontevedra.
Ademais, móstrase por primeira vez dende 1936 un "Santiago sedente" que, segundo os historiadores, procede da capela de Santiaguiño do Burgo; diferentes vestixios da comunidade hebrea ou cerámicas que revelan os contactos marítimos da Pontevedra medieval.
A exposición inclúe tamén numerosas estampas de diversas coleccións fotográficas, retratos e deseños de personalidades como Frei Martín Sarmiento ou Castelao, planos antigos de numerosas rúas e edificacións históricas ou a bandeira que ondearon os heroes de Ponte Sampaio na súa batalla contra os franceses.
Tres experiencias interactivas e audiovisuais, sobre como evolucionou o territorio da cidade, sobre as pautas que definiron a gramática visual de Pontevedra e sobre persoas que narran as súas experiencias coa Boa Vila, completan este percorrido expositivo.
Na inauguración de Pontevedra no tempo participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o vicepresidente da Deputación Provincial, Rafa Domínguez, entre outras autoridades.
O titular do Executivo galego destacou esta mostra como un grande acerto porque permite a todos os pontevedreses e galegos coñecer mellor a identidade colectiva da cidade, así como a súa singularidade e beleza propia.
Inauguración de 'Pontevedra no tempo'
Ata o próximo 14 de setembro poderase visitar a exposición Pontevedra no tempo, unha mostra impulsada pola Fundación Cidade da Cultura que, segundo os seus responsables, retrata a conciencia e a identidade colectiva da cidade do Lérez.
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Crece o interese por descubrir os mitos e as historias que agocha 'Pontevedra no tempo'
Por Noticia patrocinada |
-
Chegan as festas do Santiaguiño do Burgo con milagre, orquestras e fogos artificiais
Por Oskar Viéitez |
-
'Pontevedra no tempo', a exposición que traza os fitos da urbe que quixo ser vila
Por Noticia patrocinada |
-
A Cidade da Cultura promove coa UVigo unha residencia artística para o deseño dun videoxogo
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O Gaiás avanza no Culturgal como se transformará nunha "Cidade do Nadal"
Por Redacción |
-
A Cidade da Cultura quere potenciar a visibilidade de Pontevedra no Gaiás
Por Anxo Lourido |
-
A Cidade da Cultura agarda que máis de 50.000 persoas gocen co Verán no Gaiás
Por Redacción |