Case 5.000 euros en premios para o noveno certame de pintura rápida de Arra
Por Redacción
O certame de pintura rápida de Arra aspira a seguir crecendo en número de participantes cun importante incremento económico dos premios na súa novena edición. Así, tras o éxito de anos anteriores, a cita que se celebrará o próximo 4 de agosto repartirá 4.600 euros.
A Asociación San Cayetano de Arra e o Concello de Sanxenxo buscan desta maneira apoiar unha cita que atrae a un importante número de artistas en cada edición.
A inscrición é gratuíta e debe realizarse previamente no correo scarra.asociación@gmail.com ou o mesmo día do certame na selaxe de lenzos en horario de 9 a 11 horas no Priorado de Arra.
Haberá tres categorías a concurso, que serán adulto, infantil (ata 12 anos e de 13 a 16 anos) e artistas locais.
Os participantes poderán elixir calquera lugar da parroquia de Arra e a súa contorna. O estilo e a técnica son libres. O obxectivo é poñer en valor a riqueza paisaxística e cultural da parroquia de Arra, polo que as obras deberán ser realizadas in situ.
A organización facilitará un plano para que cada participante comunique o lugar no que se atopa realizando a súa obra e así poder comprobar a evolución da mesma en calquera momento.
O material necesario para desenvolver a actividade correrá por conta de cada participante. Os soportes terán unha dimensión máxima de 100x81 centímetros, deberán ser a unha soa cor e sen texturas. As acuarelas deberán presentarse en soporte ríxido.
As obras entregaranse sen asinar antes das 18 horas na Casa do Priorado de Arra e o fallo do xurado farase público ás 20:30 horas.
As pinturas premiadas pasarán a ser propiedade da Asociación Cultural San Cayetano de Arra.