Máis de 10.000 visitantes gozaron da feira gastronómica de Arra
Por Redacción
A localidade senxenxina de Arra pechou esta fin de semana unha das edicións de maior afluencia de visitantes da Feira Gastronómica de Produtos Galegos. Preto de 10.000 persoas pasáronse pola carpa situada na chaira de Montalvo para degustar a variedade da carta na cita coas zamburiñas e o polbo como pratos estrela.
O presidente da Asociación Cultural San Cayetano de Arra, Bruno Vidal, fai unha valoración moi positiva da festa na que se superaron as expectativas iniciais. “Calculando por capacidade dás mesas que había pola carpa pasaron esta fin de semana preto de 10.000 persoas achegadas desde distintos puntos de España, pero tamén viñeron moitos veciños”, asegura.
A cita que cumpre a súa vixésimo terceira edición consolídase ano tras ano no calendario de festas gastronómicas cunha aposta clara de bos produtos a prezos populares. Non faltou nin a música que correu a cargo da reina del Vudú, a discoteca móbil Estudo 21 e Soalleira nin tampouco a tradicional queimada gratuíta.
O VIII Certame de Pintura Rápida ao aire libre celebrado o domingo serviu para poñer o broche de ouro ao fin de semana. Un total de 43 persoas participaron no concurso no que se repartiron 3.500 euros en metálico. Por segundo ano consecutivo, o ferrolán Manuel Carballeira Rivas fíxose co primeiro premio (1.000 €) na categoría de Adultos cun cadro do porto de Portonovo. O segundo premio (700 €) foi para Jose Gonzalo Rodiño e o terceiro (500 €) para Juan Carlos Triñanes. Os tres accésits dotados con 100 euros cada un foron para Jose Miguel Arranz, Isabel Seidell e Carlos Espiga.
Na categoría Artista da Comarca o primeiro premio (500 €) foi para Eduardo Pérez e o segundo (500 €) para Abel Barandela. No apartado infantil, ata 12 anos, o primeiro premio (100 €) foi para Nayara Martínez e o segundo (50 €), para Adriana Norat. De 13 a 16 anos, o primeiro premio (200 €) foi para Jone Arranz e o segundo (100 €), para Naia Arranz.
O fallo do xurado, así como a exposición das obras realizáronse no Priorado de Arra onde tamén se realizou unha mostra de cadros de Isabell Seidel e Manuel Carballeira.