A Aula Permanente de Música Tradicional Galega programa catro actuacións nas prazas da Boa Vila
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Aula Permanente de Música Tradicional Galega, na que preto de 40 persoas fórmanse no manexo de diferentes instrumentos populares no campus de Pontevedra, ofrecerá un ciclo de actuacións nas prazas da Boa Vila, que terán lugar nas tardes dos luns ao longo do mes de xuño, ás 20.30 horas.
O primeiro concerto, o luns 3 na praza da Verdura, correrá a cargo dos preto de 30 integrantes do grupo de gaitas e percusión da aula. Esta mesma formación repetirá repertorio o 10 de xuño na praza do Teucro, incorporando desta volta as voces do Coro Sénior do campus de Vigo en varios temas. Unha semana despois, o luns 17, actuarán na Ferraría acompañados polo alumnado do obradoiro de baile tradicional do campus, que dirixe a integrante de Leilía Montse Rivera e que contou no presente curso con 30 alumnos.
Por último, a praza de España será o escenario, o 24 de xuño, dun concerto da aula permanente ao completo, nun formato de orquestra que sumará a gaitas e percusión, acordeóns, zanfonas, ocarinas e requintas. Farano acompañados por integrantes da Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, a agrupación Tequexetéldere da Estrada, a Escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, a asociación A Fuliada de Betanzos e a asociación Hai que Roelo de Cuntis. En conxunto, serán preto de 120 os músicos e músicas que protagonicen un concerto protagonizado tamén por pezas populares.
Nestas actuacións a aula permanente interpretará un repertorio conformado por cancións populares e algunha peza de autor, que permitirán achegarse a ritmos como o pasodobre, o valse, a muiñeira, as xotas ou as mazurcas.
Ademáis deste ciclo de concertos, o sábado 1 formará parte da programación do Incode Fest, na Alameda de Pontevedra, onde compartirá escenario coa Orquestra Sinfónica Xove, como xa fixera no Concerto de Primavera do campus, e coa asociación Hai que roelo.
Á semana seguinte, participará nun encontro de música tradicional en Caldas, mentres que o 29 de xuño tomará parte nun intercambio en Betanzos, aos que logo engadirán novas citas en Outes e Cuntis en xullo e agosto, que se suman á súa participación nas últimas semanas en encontros de acordeóns e de zanfonas en diferentes municipios.
Relacionadas:
-
Comezan as graduacións no campus de Pontevedra: 600 universitarios terminan os seus estudos
Por Oskar Viéitez |
-
Os músicos do futuro toman a Alameda para amosar o seu talento
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Máis de 400 números de xornais antigos de Caldas de Reis foron dixitalizados e son de acceso libre na rede
Por Oskar Viéitez |
-
Chega o Incode Fest, un festival con 400 artistas pertencentes aos distintos proxectos formativos da cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Nace Incode Fest, a unión das escolas de música de Pontevedra que encherá de ritmo a cidade
Por Redacción |