Retrouso conmemora o seu 25 aniversario convocando a máis de 200 antigos integrantes
Por Redacción
A asociación Retrouso de Cela quere conmemorar ao grande o seu 25 aniversario.
Este colectivo que se constituíu como asociación cultural a mediados de 1999, aínda que xa levaba catro anos ofrecendo actuacións como grupo de baile, por mor da actividade que se desenvolvía na escola primaria de Cela, no municipio de Bueu.
O sábado 10 de agosto, este colectivo que fomenta a música tradicional ten previsto celebrar no Eirado de Cela unha gran gala coa intervención das máis de duascentas persoas que actuaron nalgún momento nos grupos de baile tradicional, gaita e percusión ou canto e pandeireta de Retrouso.
Máis de 115 integrantes e ex membros xa mostraron o seu interese en participar e noventa deles confirmaron a súa asistencia ao acto. "A idea é organizar ensaios especiais aproximadamente cada mes para preparar o espectáculo de agosto", indica Iván Estévez, presidente de Retrouso.
Por este motivo, este sábado 6 de abril está previsto realizar o primeiro día de ensaio na Escola Vella do Torrecino de Cela.
Ao longo de toda a xornada estableceranse diversas quendas para cubrir ensaios de distintas etapas de baile con alumnado de Leonor Rosales, de Margarita Pérez, de Débora Pena e de Miguel Sotelo. Tamén haberá sesións de canto e pandeireta con persoas formadas por Begoña David, Rubén Bastón e Guillermo Ignacio; ademais de alumnado da fase de Cristian Vilas e Cristobal Prieto como mestres de gaita; e de Alberto Costas e Xulia Feixóo en percusión.
Iván Estévez explica que a intención é que o espectáculo dure unha hora ofrecendo bailes e temas musicais simbólicos de cada etapa.
Como aínda non lograron localizar a todas as persoas que pasaron pola agrupación durante estes anos, convidan a quen queira contactar para participar no evento a acudir o sábado durante a tarde polo Torrecino ou contactar con Débora a través do teléfono 647.607.467, por correo electrónico a través de retrouso@gmail.com ou polas redes sociais de Retrouso.