O punkrock e a música neotradi maridan en 'Ouveo'. É o título do tema que este venres 22 deron a coñecer o dúo Bala, no que colaboran coas Tanxugueiras e co que completamos edición en 'Os dez lanzamentos' desta semana.
'Ouveo' forma parte do próximo álbum que Violeta Mosquera e Ánxela Baltar publicarán o 26 de abril co título de 'Besta'. Un traballo no que tamén inclúen outras colaboracións como por exemplo, Ana Curra, unha das voces icónicas do punk dos 80 que formou parte de Alaska y Los Pegamoides ou Parálisis Permanente.
Tanto Bala como Tanxugueiras comparten ademais nomeamentos aos Premios da Música Independente que se entregarán tamén o próximo abril. Outro artista da provincia que igualmente é candidato nestes Premios en varias categorías trae este venres novo sinxelo, o catoirés Baiuca, cuxo 'Alentejo' está na selección musical deste podcast.
O resto de nomes que achegan novidades musicais ao programa son For Your Information; o cantante, compositor, músico e produtor gaditano Caracazador a quen fichou Zahara para o seu selo discográfico; o madrileños Ruta57; a compostelá Mariagrep, os vigueses Isius que en breve presentarán novo álbum gravado en Abbey Road; Las Migas con Stay Homas, Ginebras que actualizan o tema 'Hoy puede ser un gran día' de Joan Manuel Serrat; e o dobre sinxelo de Vetusta Morla.
O podcast pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.