'O auto do Castromil' visitou Pontevedra coincidindo coa gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
'O auto do Castromil', a montaxe da compañía Excéntricas lograba divertir e sorprender o público do Teatro Principal nunha nova cita co ciclo Ponteatro, que promove o Concello de Pontevedra.
A función tiña a singularidade de que coincidía coa celebración da gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares, que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. O espectáculo era finalista en cinco categorías: mellor espectáculo; Quico Cadaval como mellor dirección; Víctor Mosqueira como mellor actor protagonista; Piti Sanz como autor da mellor música orixinal; e Carlos Alonso, na sección de mellor vestiario.
Finalmente, este espectáculo de Producións Teatrais Excéntricas, en coprodución co CDG, acadaba dous premios, os correspondentes a dirección para Quico Cadaval, compartido con Tito Asorey ('Unha inimiga do pobo'), e vestiario.
Mentres a gala desenvolvíase no Teatro Rosalía da Coruña, en Pontevedra o público que enchía as butacas do Principal puido gozar desta obra que gañou o III concurso de proxectos convocado pola Fundación Manuel María.
Sobre as táboas, Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez escenificaron esa proposta dunha viaxe onírico nun autobús no que os pasaxeiros dormen e posiblemente o condutor tamén.
Ao longo da trama, chea de humor e rebeldía, realízase un repaso á historia de Galicia recollendo pasaxes de 'O Auto dos semulados da Caravilla' , 'Unha vez foi o trebón', 'Abril de Lume e Ferro', 'A rebelión dos baús' e 'O Entremés da OTAN' do autor lugués Manuel María.
Relacionadas:
-
'Brokeback Sabucedo' deixa a marca da diversidade sexual na clausura de Ponteatro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
"O auto do Castromil" fai parada en Ponteatro
Por Redacción |
-
Ponteatro rememora a educación truncada polo franquismo coa obra "As alumnas"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Teatro para reflexionar sobre a relación entre a prensa e o poder, entre a sanidade e a economía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Iribarne, unha revisión "moi tola" da vida de Manuel Fraga, conquista o Pazo da Cultura
Por Redacción |