![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c9b/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/65f9787040-65f972720a-20241903_rafa_dominguez_sinatura_obras_abelenda_museo.jpeg)
© Deputación de Pontevedra
O Museo de Pontevedra recibe en doazón dous cadros de Manuel Abelenda
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Museo de Pontevedra acaba de recibir en doazón dous cadros do pintor Manuel Abelenda Zapata. Trátase de dous óleos nos que retrata ao seu amigo o escultor Bonome, que é o autor dos marcos de ambos cadros.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez e a ata agora propietaria das pinturas, Teresa Vilas Vázquez, asinaron a acta de doazón.
Os cadros doados retratan ao escultor compostelán Santiago Rodríguez Bonome (1901-1995), representado na colección do Museo con cinco esculturas, pero do que non se conservaba no Museo ningunha representación iconográfica. Ambas as dúas obras teñen marcos tallados polo propio escultor, o que engade un valor adicional á doazón.
O autor dos retratos é Manuel Abelenda Zapata (1889-1957), gran amigo do retratado.
Segundo explican dende o Museo de Pontevedra, estas dúas pinturas son dous magníficos exemplos da etapa tenebrista-simbolista que cultiva na década de 1920. Trátase dunha etapa e un xénero que ata agora non estaba representado no conxunto de obras do pintor que forman parte da colección do Museo, agás por un debuxo. Un dos retratos é, moi posiblemente, o que Abelenda expuxo con grande éxito na Exposición Regional de Pintura de Santiago, en 1923.
Os técnicos do Museo tamén sinalan que "o estado de conservación das pinturas é aceptable, aínda que require unha intervención de reparación e limpeza".
O traballo será abordado nas próximas semanas polo equipo de Restauración do Museo. Logo de que se restauren, unha das pinturas pasará a formar parte da exposición permanente que se mostra nas salas do Edificio Castelao.
Relacionadas:
-
Mónica Alonso inaugura unha mostra que une a colección permanente do Museo coa arte contemporánea
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra premiará os mellores microrrelatos en formato audiovisual con ata 3.000 euros
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra e o castelo de Soutomaior terán puntos de recarga de vehículos eléctricos
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo de Pontevedra completa o ciclo de conferencias con motivo da Semana Santa
Por Redacción |