O xornalista e escritor Fernando Salgado presenta na Sala Nauta o seu libro 'Que miras?'
Por Redacción
O escritor e xornalista, Fernando Salgado Varela, presenta este venres, ás 20 horas, na Sala Nauta o seu último libro, 'Que miras?'.
Ademais do autor, no acto participará a protagonista do libro, Susi Maquieira e tambiéne starán a concelleira de Cultura, Elena Torres; a escritora Baia Fernández da Torre e Reme Varela, membro da Asociación Cultural Andarela. A entrada é gratuíta ata completar aforo.
En 'Que miras?' Salgado narra a vida de Susi Maquieira Velay, unha muller con acondroplasia, unha enfermidade que afecta á estatura. Nada en Cuntis, vive en Vigo e pasa os veráns en Sanxenxo. Ten 52 anos, foi a promotora da creación da Asociación Avanzar, que presidiu durante toda a súa traxectoria. Este colectivo fixo posible que decenas de persoas de varios municipios, con discapacidades físicas e psíquicas, puidesen realizar actividades formativas e lúdicas.
Os seus 110 centímetros de estatura non lle supuxeron un freo na súa traxectoria vital. Tirouse nunha tirolesa desde o Morro de São Paulo, patinó sobre o xeo e deslizouse sobre a neve en Canadá, viviu como unha estudante en Roma, percorreu Londres e Croacia e viaxou varias veces a Canarias.
Ten o carné que lle permite patronear unha embarcación náutica recreativa, pinta e garda en catro álbums os patróns elaborados durante a etapa dedicada á moda e ao deseño. Encántalle a música e goza en primeira liña nos concertos dos seus artistas preferidos.
"Superou moitas adversidades e non quere que ninguén senta mágoa nin compaixón por ela", asegura o autor.
O que se busca con este libro é facer "un chamamento á sociedade para que non sinale co dedo a aquelas persoas cuxa estatura é inferior á media, e reclama aos gobernos que invistan en investigación co obxectivo de dar unha solución os afectados pola acondroplasia".