Culturgal, a feira que "move os marcos" para seguir sendo a "casa común" da cultura galega
Xa está aquí unha nova edición, a décimo sexta, de Culturgal. O Recinto Feiral de Pontevedra acolle ata o vindeiro domingo 3 de novembro unha feira que, nesta ocasión, se reinventa como a Feira das Culturas Galegas, para seguir sendo a "casa común" da cultura galega.
Así o destacou na súa inauguración o presidente da asociación Culturgal, Víctor López, que celebrou ter deseñado un programa "variado e transversal" que servirá como escaparate das culturas "ricas e variadas" que existen en toda Galicia.
Ademais, fíxoo despois de lanzar unha nova proposta, Culturgal Extendido, co que buscan "mover os marcos" e que a cultura en galego se achegue a novos espazos e persoas. A súa primeira entrega foi en Vigo, pero será unha proposta itinerante durante todo o ano.
Culturgal 2023, que ofrecerá máis de duascentas actividades, contará con cinco escenarios dedicados á literatura, a música, as artes escénicas, a programación infantil ou a arte, ademais de áreas dedicadas aos videoxogos ou aos cómics.
Nela participan máis dun centenar de expositores, que non só exhiben o máis selecto da produción cultural galega que cada un dos sectores impulsou este ano, senón que mostran un avance das novas tendencias e propostas nas que traballan para 2024.
No acto de inauguración, celebrado este mediodía, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o "papel fundamental" de Culturgal para "tecer pontes" entre o tecido cultural galego, os artistas de diversas disciplinas e o público.
"É a maior mostra cultural de Galicia", sostivo López, que estivo acompañado, entre outros, polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que subliñou que esta feira "vertebra a cultura de toda Galicia".
Rodríguez asegurou que a cultura, que supón xa o 3% do PIB en Galicia e emprega a unhas 35.000 persoas, "cohesiona e identifícanos como pobo e ten a virtude de que non se usa nunca para confrontar e para separar", senón que "respecta a diversidade e a diferenza".
O conselleiro identificou ademais os retos que ten a cultura galega por diante, citando expresamente a súa dixitalización, a súa competencia con outros formatos e hábitos de consumo, a profesionalización do sector, garantir que o público teña un "acceso universal e accesible" á cultura ou competir nun mercado "aberto e global" en igualdade de condicións.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pechou a inauguración de Culturgal celebrando o bo momento da cultura galega, sobre todo na súa calidade, "amosando a súa capacidade de resistencia e levantando cabeza tras períodos escuros e sombríos".
Culturgal, sentenciou Fernández Lores, é unha "cita ineludible" para todo o público "que ame a cultura", destacando que "é un orgullo e unha sorte" que Pontevedra sexa escenario dun evento que pretende "amosar toda a potencia cultural de Galicia".
Relacionadas:
-
Culturgal despide a súa edición de 2023 con máis de 10.000 visitantes
Por Redacción |
-
Culturgal desborda o Recinto Feiral mostrando a boa saúde da cultura galega
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Culturgal repasará o audiovisual galego analizando os éxitos de 'O Corno' e 'Matria'
Por Redacción |
-
Culturgal 2023 acollerá máis de 200 actividades nunha feira expansiva e con perspectiva de futuro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Leilía ofrecerá un dos últimos concertos da súa xira de despedida no Culturgal 2023
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Camilo Franco, novo director de Culturgal: "As culturas necesitan públicos e temos que atraelos"
Por Alejandro Espiño |