Camilo Franco, novo director de Culturgal: "As culturas necesitan públicos e temos que atraelos"

Por Alejandro Espiño
Culturgal ten un novo director. O xornalista Camilo Franco será o seu novo responsable. Estreará xa esta nova responsabilidade na próxima edición da feira, a décimo sexta deste referente cultural, que se celebrará en Pontevedra entre os días 1 e 3 de decembro.
O tamén escritor ten, segundo a asociación, un "perfil transversal" que engloba tamén a xestión cultural. Asume o posto de director cunha folla de ruta fiel á esencia da feira como escaparate das culturas galegas diante do público e que permita ao tempo ampliar audiencias.
"As culturas necesitan públicos e Culturgal ten que ser un espazo que atenda a atracción dos públicos e que explore as novidades que se vaian producindo na relación entre a oferta cultural e os todos os públicos", subliña Franco.
Sen perder isto de vista, avanza que a feira atenderá tanto ás principais manifestación das diferentes disciplinas da cultura galega, como á necesidade de poñer en marcha iniciativas que permitan a visibilidade de novas expresións culturais.
Ademais, Culturgal buscará este ano ampliar a participación profesional implicando máis sectores, baixo a premisa de ensanchar a base do que se considera cultura no século XXI.
Esta maior integración das diversas disciplinas culturais artellarase cunha posta en escena renovada, que continuará a ter Pontevedra como centro neurálxico e espallará Culturgal máis alá do evento feiral, reivindicando o seu carácter referencial das industrias culturais galegas.
A este respecto, o seu novo director avanza que Culturgal "ten que ser un escaparate do principal que ofrece a cultura galega cada ano e, por outra parte, ten que ser capaz de ofrecer iniciativas novas que se incorporen ao conxunto cultural do país".
Desde o punto de vista cultural, a intención é que exista unha combinación "máis activa" entre as ofertas principais do Culturgal e unha conexión maior entre música, literatura, artes escénicas e a produción audiovisual coas novidades que se poidan ir incorporando.
Relacionadas:
-
Culturgal, a feira que "move os marcos" para seguir sendo a "casa común" da cultura galega
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Leilía ofrecerá un dos últimos concertos da súa xira de despedida no Culturgal 2023
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Culturgal confirma nunha xuntanza o apoio económico da Consellería de Cultura para a edición deste 2023
Por Anxo Lourido |
-
Búscase profesional con experiencia en coordinación de proxectos culturais para dirixir Culturgal
Por Redacción |