Un "timo do amor" con base en Cambados: finxen ser un piloto e estafan máis de 150 persoas
Por Redacción
A Garda Civil desmantelou unha organización criminal que estafou a máis de 150 persoas empregando o "timo do amor", abrindo perfís falsos en diversas plataformas facéndose pasar por un exitoso piloto para enganar ás vítimas
A investigación sobre esta rede comezou no ano 2020, despois de que unha muller de Villablino (León) denunciase ser vítima desta ciberestafa.
A conta na que a vítima facía os ingresos que lle pedía o suposto piloto pertencía a dúas mulleres, nai e filla, aberta nunha entidade bancaria de Cambados.
Ante a sospeita que a vítima non sería a única estafada, os axentes comprobaron co banco o elevado número de movementos que presentaba a conta, con multitude de ingresos aparentemente fraudulentos no último ano.
A existencia dunha posible fraude e de branqueo de capitais levou á Garda Civil a bloquear a conta bancaria.
Tras analizar o modo de actuación desta organización, os investigadores determinaron que os seus responsables creaban perfís falsos en varias plataformas da internet e distintas redes sociais, facéndose pasar por un "atractivo piloto" que contactaba con mulleres de mediana idade.
Unha vez que se gañaba a súa confianza finxindo unha relación amorosa, aproveitaba a confianza para solicitarlles diñeiro con distintos fins, como atoparse nalgún país sen acceso á súa conta corrente persoal, polo que a transferencia debía realizarse á conta dun terceiro.
Noutras ocasións, o suposto piloto finxía que enviaba ás vítimas agasallos de alto valor económico como xoias, roupa ou perfumes desde diferentes lugares no estranxeiro, facéndose pasar por traballadores de aduanas, aeroportos ou inclusos transportistas.
Así, solicitaban o pago dun diñeiro en concepto de "impostos" ou "aranceis" para a liberación do paquete e o envío ao seu domicilio.
O diñeiro recibido na conta corrente utilizada pola organización enviábase rapidamente, nalgunhas ocasións en minutos, a outras contas de terceiras persoas distribuídas por todo o territorio nacional ou no estranxeiro, dificultando así o labor dos investigadores.
Con estes métodos, a organización foi capaz de estafar a máis de 150 persoas, utilizando un armazón de 18 contas correntes e máis de 50 liñas de teléfono, tanto nacionais como internacionais, para evitar o seu rastrexo e identificación.
A Garda Civil logrou esclarecer máis de 33 delitos por todo o país e puxéronse ao dispor da xustiza a 15 persoas nas provincias de Pontevedra, Sevilla, Madrid, Toledo, Málaga e Barcelona, de idades comprendidas entre os 28 e os 70 anos.
Ademais, os axentes conseguiron identificar a outros sete responsables máis noutros países.
O montante total das estafas denunciadas ascende a case 95.000 euros.
As dilixencias foron postas ao dispor do xulgado de instrución número 2 de Cambados.
Relacionadas:
-
A xuízo por estafar 84.000 euros a unha muller que coñeceu en Tinder
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de medio millar de persoas seguirán unha conferencia da Policía Nacional sobre riscos e adiccións en internet
Por Redacción |
-
A Policía explica as cinco claves para realizar compras seguras na internet
Por Oskar Viéitez |
-
Confiscan 12.800 litros de gasóleo non documentado nunha nave de Ponte Caldelas
Por Redacción |