O PP asegura que hai un cargo do BNG na provincia imputado nunha causa xudicial
Por Redacción
O secretario de organización do PP provincial de Pontevedra, Luis Serantes, respondeu este xoves ás críticas do BNG en relación á imputación de trece persoas, entre elas a alcaldesa e a secretaria xeral de Urbanismo, por presuntas irregularidades urbanísticas en Sanxenxo. Fíxoo cunha acusación, ao insistir en que hai cargos do BNG na provincia actualmente implicados nunha causa xudicial aberta.
Sinalou que no Partido Popular hai constancia dunha imputación dun dirixente do BNG da provincia de Pontevedra, "se no BNG e Allegue (responsable comarcal dos nacionalistas no Salnés) non o saben aínda, sería unha mostra máis do desconcerto no que está sumido ese partido".
Segundo sinalou, "desde o PP non imos dicir se esta persoa é culpable ou inocente, no PP non xulgamos, ao contrario do que fai o BNG, iso ten que facelo a Xustiza, pero se os nacionalistas din que calquera cargo público imputado ten que dimitir que empece por botar aos seus".
Nesta liña, Serantes recoméndalle ao responsable comarcal do BNG que "se informe ben, non vaia ser que as mentiras que di as conte por descoñecemento, ou que se informe se dito cargo imputado pertence aínda ao BNG, a ver se xa se pasou a outra corrente nacionalista nos últimos días e nin no BNG o saben".
Ademais, bota en cara a Allegue e a deputada Montse Prado que "mintan e ademais de forma tan reiterada" e sinala que "se aínda lles queda algo de coherencia, deberían dimitir". E recoméndalle a Allegue que se ocupe de que o seu partido comence dunha vez por todas a facer unha oposición seria alí onde non gobernan "en lugar de enturbiar continuamente o panorama político con mentiras ou verdades a medias".