Convocan unha concentración este xoves ante a Subdelegación para demandar máis reunións da mesa de diálogo de ENCE
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz
Ás 11.00 horas deste xoves 22 de xullo está convocada unha nova concentración por parte do comité de empresa da fábrica de Ence ante a Subdelegación do Goberno coa intención de reclamar ao Ministerio de Transición Ecolóxica unha nova reunión da mesa de diálogo sobre o futuro da explotación industrial de Lourizán. A convocatoria está aberta tanto ao persoal da factoría como a traballadores de empresas auxiliares e particulares que se vexan afectados por un posible peche da pasteira situada na ría.
Pablo Bacariza, secretario do comité de empresa, sinala que despois da protesta realizada o luns 19 diante do edificio gobernamental non recibiron resposta da subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Ante este silencio, esixen unha resposta da administración central para buscar solucións ante a situación de incerteza en que se atopa a fábrica coa publicación da sentenza da Audiencia Nacional na que se declaraba ilegal a prórroga da fábrica para manterse nas actuais instalacións de Lourizán.
Está previsto que este mesmo xoves, os representantes do comité manteñan unha reunión co presidente e conselleiro delegado de Ence para tentar aclarar as perspectivas que se presentan pero, segundo indica Bacariza, a entidade pasteira centra os seus esforzos en preparar os recursos xudiciais que se presentarán ante o Tribunal Supremo en relación coa sentenza da Audiencia Nacional.
"Queremos unha mesa de diálogo como sucede con Alcoa", afirma Pablo Bacariza, coa idea de que se poidan seguir discutindo os problemas laborais que se presentan #ante a nova situación. A primeira reunión desta mesa de diálogo desenvolveuse o 21 de abril coa ministra Teresa Ribera á fronte dun encontro mantido con representantes da empresa, da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e sindicatos. A falta de noticias sobre novas convocatorias preocupa ao comité de empresa da fábrica, liderado por CIG e UXT.
Bacariza evitou "entrar en polémica" e non quixo contestar as críticas manifestadas por Comisións Obreiras, a través da presidenta do comité de empresa de oficinas centrais Ana Cedeira e José Luis García Pedrosa, secretario de organización comarcal de CC. OO. sobre a actuación dos outros sindicatos. Pero si indicou que non entende por que desde Comisións Obreiras se rexeita a mesa de diálogo e despois reclaman espazo para asistir á convocatoria.
Relacionadas:
-
O comité de empresa de ENCE forza unha entrevista coa subdelegada co obxectivo de poñer data á mesa de diálogo
Por Anxo Lourido |
-
"Máxima preocupación" na Autoridade Portuaria ante o posible peche de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
García Pedrosa, de CC.OO.: "A sentenza de Ence é un monumento á falta de independencia do poder xudicial neste país"
Por Anxo Lourido |
-
A Cámara de Comercio advirte que o peche de ENCE sería un "enorme retroceso" para Galicia
Por Redacción |
-
ENCE afunde na bolsa tras a sentenza que anula a prórroga da súa fábrica en Pontevedra
Por Redacción |
-
O comité de empresa da fábrica de ENCE apura as vías de negociación para evitar un peche inminente
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A Xunta pide ao Goberno que concrete "fondos europeos para dar unha alternativa a ENCE"
Por Diego Espiño |