O persoal de Treves iniciará unha folga o luns 23 ante o "altísimo ritmo de traballo" imposto pola empresa
Por Anxo Lourido
O comité de empresa de Trèves anuncia unha folga entre o luns 23 ás 22 horas e o venres 27 ás 16 horas. Trátase dunha folga que vén provocada polo altísimo ritmo de traballo que están a sufrir con motivo do cambio de modelo de vehículo en Citroën e que levou a que moitos traballadores "estean caendo por causas do ritmo de traballo". Carecen de datos porque a empresa non llelos cede pero indican que son moitos os traballadores que acudiron á mutua nas últimas semanas.
Segundo expoñía David Couñago, presidente do comité de empresa, apenas danse baixas pero a empresa cámbiaos a outro posto "e iso afecta na rotación. Hai traballadores que os castigan e non rotan durante 8 horas". Os representantes dos traballadores denuncian que este ritmo causou xa 40 queixas do cliente polo mal estado de moquetas que saíron da fábrica cando noutros modelos só se rexistraban 9 queixas en todo un ano. Couñago indica que "non nos dá tempo para comprobar como sae o material e seguen a aumentarnos o ritmo".
Ademais, denuncian graves incumprimentos da lei de riscos laborais. Couñago denunciou que "hai dúas semanas produciuse un incidente grave que non tivo gravidade porque non colleu a un operario, se pilla o operario o mata. Unha prensa baixou, non saltaron os dispositivos de seguridade e reventou unha plataforma". Indican ademas que, co anterior modelo, había postos para mulleres embarazadas lonxe da zona onde se utilizan produtos tóxicos. Agora non. Tras cambiar co modelo B-58 e comezar co B-78, a empresa decidiu colocar os tres postos en zonas nas que hai produtos químicos que poden ser prexudiciais para o feto. Dende o comité denuncian que a Inspección de Traballo só "dá largas" e cada vez que realizan unha visita lle ofrecen dous meses máis para que resolvan os defectos que se encontran na factoría.
Tras a convocatoria da folga, a empresa citou o comité para reunirse mañá, xoves, ás 12 do mediodía para intentar chegar a un acordo. Se a convocatoria continúa e unha vez iniciado o paro non se alcanza un entendemento coa empresa, a partir do día 30 comezará unha folga indefinida.
Treves anunciou a posta en marcha dun ERE que, non obstante, os traballadores aseguran que aínda non saben cando vai comezar. Os representantes dos traballadores indican que durante este ano levan máis de 6.200 horas extra feitas e agora a empresa mesmo fala de eliminar 15 empregos a finais de ano.
Relacionadas:
-
Principio de acordo en Treves que, agás sorpresa, evita a folga prevista para o luns 23
Por Redacción |
-
A folga en Treves segue convocada a pesar dun achegamento de posturas entre empresa e comité
Por Anxo Lourido |
-
O motor de Citroen acelera o traballo de Treves
Por Oskar Viéitez |
-
Treves comprométese a non reducir persoal en 2013
Por Diego Espiño |