O motor de Citroen acelera o traballo de Treves
Por Oskar Viéitez
Citroën pisa o acelerador e Treves roxe con forza. O aumento da produción na factoría de PSA Peugeot Citroën está a xerar unha importante carga de traballo nas súas auxiliares, que no caso da pontevedresa Treves recordan os seus mellores tempos.
Os lanzamentos comerciais de novos vehículos e a boa resposta dos mercados impulsaron a produción do centro ata cotas non vistas dende 2008 e da man dos vehículos chega o emprego.
O Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) estima que se crearán entre 3.000 e 5.000 postos de traballo, de modo que a automoción galega podería recuperar en 2013 todo o emprego perdido dende do estalido da crise.
O presidente do Comité de empresa de Treves, David Couñago, celebrou este bo momento que vive a auxiliar pontevedresa cunha carga de traballo que levou a que os traballadores teñan que facer horas extras. A curto prazo espérase que a produción aumente máis "agora mesmo estamos nuns 250 coches diarios e espérase que cheguemos a 600".
Ata hai pouco a fábrica do Campiño recuperou a quenda de noite, aínda que a día de hoxe volveu ás dúas quendas.
Este repunte produtivo ten obrigado a Treves a suspender a aplicación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) temporal que ten en vigor ata o 31 de decembro.
A día de hoxe o equipo da multinacional francesa de compoñentes de automóbil está conformado por 150 persoas.
Relacionadas:
-
Treves parará unha semana obrigada polo axuste de produción de Citroen
Por Redacción |
-
A folga en Treves segue convocada a pesar dun achegamento de posturas entre empresa e comité
Por Anxo Lourido |
-
O persoal de Treves iniciará unha folga o luns 23 ante o "altísimo ritmo de traballo" imposto pola empresa
Por Anxo Lourido |