Treves comprométese a non reducir persoal en 2013
Por Diego Espiño
Despois dunha longa reunión, sindicatos e representantes de Treves lograron pechar un acordo para a aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego temporal de 40 días para todo o plantel durante 2013. Este ERE, que se repartirá de xeito equitativo entre os 150 traballadores da factoría do Campiño, compensará polo menos este ano o excedente de persoal que asegura ter a empresa a teor da actual carga de traballo.
Treves comprometeuse a non reducir empregados mentres a regulación de emprego estea vixente, desactivando así un dos principais puntos de discordia co comité de empresa encabezado por David Couñago, "a dirección di que sobran 10 persoas, pero a non ser que se produza unha baixa voluntaria cunha indemnización que xa está fixada en 40 días por ano traballado, este ERE soluciona o problema en 2013".
O documento asinado polas dúas partes establece ademais os prazos de preaviso, mínimo de tres días, que en caso de ser incumpridos se compensarían cun día libre remunerado, e a diferenza de aplicación do ERE entre o persoal, que non poderá ser maior de seis xornadas.
Agosto, data clave para lograr máis carga de traballo
Na negociación cos representantes sindicais, Treves comunicou que entre os meses de agosto e setembro saberase se a fábrica de Pontevedra producirá novas pezas, o que solucionaría, segundo David Couñago, o problema actual de excedente de traballadores, "en agosto dixeron que decidirán se montan dúas cadeas de montaxe de cabezais. Se vén para Pontevedra debería solucionar o problema laboral".