Un cento de persoas rachan co silencio: "Non máis mortes de migrantes no Mediterráneo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Racha co silencio. Non máis mortes de migrantes no Mediterráneo". A petición facíana este venres un cento de persoas concentradas na praza da Peregrina. Acudiron a unha protesta autoconvocada na que se buscaba denunciar o sucedido nos últimos días con barcos como Open Arms ou Ocean Vikings e a situación xeral que se vive a diario no Mediterráneo como resultado das políticas migratorias dos distintos estados europeos e a propia Unión Europea. Quixeron amosar a súa solidariedade cos migrantes e denunciar a situación de emerxencia que se está a vivir, que "non é destas semanas, é continua".
En nome de todos os asistentes, tomou a palabra Ana Corzo, que leu un manifesto acordado polo grupo de autoconvocatoria de Pontevedra Solidaria no que denunciou que no que vai de ano 2019 xa son máis de 840 as persoas que morreron intentando chegar á Unión Europea desde o norte de África e lembrou a "ignomiosa" lista de 35.597 migrantes mortos no Mediterráneo nos últimos anos. Engadiu que esta "desolación" que se está a vivir ten a súa orixe nas Leis de Estranxería e nas políticas migratorias aprobadas, financiadas e executadas polos distintos gobernos.
Engaden que "lamentablemente" a situación que se está a vivir na África Subsahariana e oriental, de Malí a Niger, Sudán Etiopía ou Nigeria, non acontece por falta de recursos e materias primas nesas nacións, senón "máis ben polo saqueo deses bens levado a cabo de xeito inmisericorde polas poderosas empresas do capitalismo máis noxento, apoiado polos gobernos máis poderosos, entre eles, os da Unión Europea".
A organización quixo facer o acto o máis aberto posible e foron tomando o micrófono todas as persoas que o desexaron, algunhas para ler poemas e outras para contar as súas experiencias e inquietudes. Entre as persoas presentes na concentración atopábase a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que tomou o micro para relatar a súa experiencia no ano 2018 a bordo do Open Arms, nunha viaxe na que viviu en primeira persoa o rescate de 59 persaas realizado pola ONG Proactiva Open Arms xunto con outros eurodeputados de distintos países.
Miranda defendeu que as persoas a bordo do Open Arms "traballan con ética, a ética que lle falta aos países da Unión Europea" e sostivo que "están salvando vidas, merecen o noso respecto". Sobre a situación vivida nas últimas semanas neste barco, lembrou que estivo "19 días vagando" polo Mediterráneo con máis de 100 migrantes a bordo antes de desembarcar en Lampedusa por orde da Fiscalía italiana e que estivo baixa a ameaza de multa do Estado español de 900.000 euros. "Pero que é isto? Unha multa de 900.000 euros por salvar vidas?", preguntouse horrorizada.
Á concentración tamén acudiron representantes de distintos colectivos e partidos políticos como Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR); José Ramón Otero, alcaldable de Unidas Podemos ás últimas eleccións municipais; ou persoas vencelladas a Marea Pontevedra como a coordinadora da coalición, Peque González, ou Guillermo Casalderrey. Todos acudiron a título persoal e non como convocantes.
Relacionadas:
-
Pontevedra prepárase para acoller refuxiados procedentes do buque 'Aquarius'
Por Redacción |
-
Pontevedra ofrécese para acoller refuxiados do buque Aquarius
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que Pontevedra se ofreza a acoller refuxiados do buque Aquarius
Por Alejandro Espiño |
-
De Marín ao Mediterráneo para axudar na crise dos refuxiados
Por Natalia Puga |