Pontevedra prepárase para acoller refuxiados procedentes do buque 'Aquarius'
Por Redacción
A tenente de alcalde Carme da Silva indicou que desde o goberno municipal xa contactaron co Fondo Galego de Cooperación para coñecer o protocolo de actuación e intervir de maneira axeitada no caso de que se reciba en Pontevedra a parte dos 629 inmigrantes rescatados polo buque " Aquarius" en augas do Mediterráneo.
Desde o Concello, ademais dun acollemento de urxencia estudan a posibilidade dunha permanencia estable, atendendo ás diferentes casuísticas destas persoas no caso de que sexan trasladadas a Pontevedra por parte da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
O goberno local transmitiu á FEMP a súa disposición para ser concello de acollida e atópase á espera de coñecer que entidade será a encargada de coordinar a chegada de refuxiados a Galicia e a Pontevedra. Segundo as previsións de Da Silva, a Cruz Vermella sería a encargada de xestionar esta acción xa que ten sede na cidade.
O Concello poñeríase a disposición desta entidade para facilitarlle todos os trámites administrativos necesarios para dar cobertura aos refuxiados que chegasen.
Os técnicos do Concello analizaron os pisos municipais que poderían dar acollida e estudaríanse outras fórmulas, no caso de que fosen necesarias máis vivendas, para dar cobertura humanitaria.
MARÍN
En Marín, a portavoz do grupo municipal socialista Luz Santiago pedirá no pleno que o Concello de Marín sexa tamén cidade refuxio e que o goberno local incremente nos seus orzamentos as partidas de Servizos Sociais para soster estas situacións de emerxencia.
O grupo socialista reclama que se convoque o Consello Municipal de Inmigración para coordinar as axudas e cortar os comportamentos xenófobos que se detectan nas redes sociais.
Relacionadas:
-
Un cento de persoas rachan co silencio: "Non máis mortes de migrantes no Mediterráneo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
823 persoas estranxeiras residen en Marín, procedentes de 62 países
Por Redacción |
-
A Casa da Luz homenaxea na celebración do Día Mundial do Refuxiado ás familias que tiveron que fuxir do seu fogar
Por Redacción |
-
Pontevedra ofrécese para acoller refuxiados do buque Aquarius
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que Pontevedra se ofreza a acoller refuxiados do buque Aquarius
Por Alejandro Espiño |