A Deputación impulsa a profesionalización dos viticultores na IXP Ribeiras do Morrazo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Coas primeiras botellas de albariño no mercado, a IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Ribeiras do Morrazo necesita seguir dando "pasos adiante" como a formación dos viticultores, conservar os metros de viñedo aos que teñen dereito e "fomentar a creación de novas adegas e novas empresas", segundo explicou Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura.
Nesta liña está exposto o convenio que acaban de asinar coa Deputación de Pontevedra que destinará 40.000 euros para estes obxectivos.
"É un proxecto ambicioso que ten ao seu ao redor a 25.000 viticultores aos que pode chegar", apuntou Roberto Rivas.
A superficie produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo está entre as 1.000 e 1.500 hectáreas nos concellos de Poio, Marín, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas e Redondela. Polo momento só hai catro adegas amparadas "que non teñen capacidade suficiente para comercializar toda a uva de calidade que se produce na zona" e doutra banda os furanchos están vinificando moita uva de calidade "moitos deles queren dar o paso para ter unha adega, embotellar o seu viño e vendelo no mercado".
Nesta zona hai algo máis de 73.000 parcelas de viñedo e fanse necesarios proxectos de mobilidade de terras para loitar contra a fragmentación do territorio. Así Roberto Rivas sinalou que "temos que acometer en toda a zona un plan de reestruturación potente para adaptar todos os viñedos ás variedades que están dentro da IXP".
Para a elaboración destes viños a variedade de uva máis representativa é a de albariño, pero tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.
O presidente da Asociación Galega de Viticultura admite que "todo ese traballo os viticultores sós non o van a poder facer" polo que cre necesario contar con "apoio técnico" advertindo que este proceso "levará tempo" polo que espera que con este tipo de convenios "se consiga darlle un pulo".
Finalmente o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, indicou que "é preciso que exista apoio institucional para potenciar e recuperar a zona agora que hai unha figura de protección como é a IXP Ribeiras do Morrazo"
Relacionadas:
-
Aberta a inscrición para as catas do Túnel do Viño na IXP Ribeiras do Morrazo
Por Redacción |
-
Que hai nesta botella? Unha campaña para aumentar as adegas da IXP Ribeiras do Morrazo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Cela viste de gala para a XV edición da Festa do Viño Tinta Femia
Por Redacción |
-
Poñen no mercado as primeiras botellas certificadas co selo Ribeiras do Morrazo
Por Oskar Viéitez |
-
Catro adegas comercializarán viño da IXP Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño |
-
Europa recoñecerá a IXP Ribeiras do Morrazo en cuestión de días
Por Redacción |