Cela viste de gala para a XV edición da Festa do Viño Tinta Femia
Por Redacción
Manuel Villanueva, director de contidos de Mediaset España, será o pregoeiro da XV edición da Festa do Viño Tinta Femia, que se celebrará esta fin de semana en Cela.
É un evento que, segundo os seus organizadores, incluirá actuacións de música tradicional e degustacións e catas deste viño que é xa, sen lugar a dúbidas, un dos produtos máis singulares e definitorios da vila.
O presidente da Asociación de Viticultores San Martiño, Fernando García, destacou que esta festa será especial, xa que este ano se aprobou a IXP Ribeiras do Morrazo, que acolle o viño Tinta Femia
O evento celebra este ano a décimo quinta edición, tras recuperarse o pasado 2016 despois dun parón de varios anos. Todos os días se poderá probar o viño, a un prezo de 2 euros (a maiores é preciso sumar outros 2 euros do custe da copa).
O venres ás 20 horas haberá unha actuación de Manolo e Ramón, un dúo de acordeóns, e pecharase os actos coa foliada a cargo do grupo de gaitas Retrouso de Cela.
O sábado será o día grande e os festexos comezan ás 12.30 horas cun pasarrúas a cargo da Asociación Folclórica Recordos da Nosa Terra. Ás 13.30 entregarase un agasallo a Antonio Portela, vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres e colaborador da festa, e a continuación Manuel Villanueva lerá o pregón da festa.
Xa pola noite, a festa estará amenizada polo grupo folclórico Vento mareiro.
O domingo, ás 12.30 horas, está programada unha cata cega dos catorce viños da festa seguida dunha actuación musical de Retrouso de Cela. Pola tarde, arredor das 19.00 horas, entregaranse os premios da cata de colleiteiros e sortearase viño tinta femia e xamón ibérico.