Catro adegas comercializarán viño da IXP Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño
Catro meses despois de que a Unión Europea autorizase de forma efectiva a IXP Ribeiras do Morrazo, catro adegas ultiman a comercialización de preto de 100.000 botellas que, en breve, sairán ao mercado con este selo de calidade.
Trátase de Os Areeiros (Vilaboa), Reboraina (Redondela), Ardán (Marín) e O Mosteiro (Poio), que lucirán nas súas botellas a contraetiqueta que lles identifica como Ribeiras do Morrazo e que supón un "fito" na loita polo recoñecemento da calidade destes viños e do traballo dos viticultores deste ámbito territorial.
A IXP Ribeiras do Morrazo, a cuarta indicación protexida que existe para os viños galegos, abarca os termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa, onde existen aproximadamente unhas 2.340 hectáreas de viñedo, aínda que máis da metade non reúne as condicións para producir viño comercial.
Aí reside, segundo Guillermo Martínez, propietario da adega Os Areeiros, a "clave" para o crecemento deste selo de calidade, recuperando eses viñedos e plantando castes autóctonas para evitar que se perdan. A primeira vendima chegará este outono e, a partir de aí, "teremos que comprar uva" que, en todo caso, debe ser orixinaria deste mesmo ámbito territorial.
Esta figura de calidade acolle viños tintos e brancos secos, elaborados estes últimos con uvas das variedades albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés. Os tintos, pola súa banda, elabóranse coas variedades autorizadas brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.
Tras a posta en marcha desta iniciativa, agora os produtores deben avanzar cara a unha maior profesionalización. Así, co apoio do GDR Pontevedra-Morrazo, organizaranse cursos de formación en todos os concellos que abarca este selo de calidade, para avanzar na capacitación e a formación técnica do sector.
Mentres tanto, as persoas que se acheguen á Festa do Viño de Vilaboa, os próximos 27 e 28 de maio, poderán catar os viños das catro adegas que xa comercializan os seus viños co selo IXP Ribeiras do Morrazo.
Relacionadas:
-
Que hai nesta botella? Unha campaña para aumentar as adegas da IXP Ribeiras do Morrazo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Deputación impulsa a profesionalización dos viticultores na IXP Ribeiras do Morrazo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Poñen no mercado as primeiras botellas certificadas co selo Ribeiras do Morrazo
Por Oskar Viéitez |
-
O GDR Pontevedra-Morrazo repartirá 716.311 euros de axudas públicas a proxectos
Por Oskar Viéitez |
-
Europa recoñecerá a IXP Ribeiras do Morrazo en cuestión de días
Por Redacción |
-
Un túnel para beber o país
Por Diego Torrado |