Antes de ser a discoteca EQUUS, o solar de Benito Corbal era unha fábrica de gasosas. Unha empresa que pertencía á familia de Manuel Jesús Santos quen se namorou dunha humilde empregada de Xeve, María Enilda Solla. A familia de Manuel non vía ben esa unión entre clases sociais dispares.
A pesar diso, el escribiu unha carta á súa nai pedindo o seu consentimento para casar porque Ilda tiña que ser a nai dos seus fillos... E tanto que o foi, dos seus oito fillos. Esa carta recuperouna Ana Santos Solla, a súa terceira filla, para gran sorpresa do seu pai cando descubriron que a avoa conserváraa toda a súa vida.
É unha das historias vitais que atesoura Ana, a profesora de Educación Física do instituto Valle Inclán. Mentres tantos e tantos pontevedreses viviron as noites da cidade entre as paredes de EQUUS, ela e os seus dous irmáns maiores "facían ambiente" á primeira hora e non foi ata a súa volta de Madrid, onde se licenciou no INEF, cando os seus pais deixárona ser unha máis na discoteca.
Casou e tivo o seu fillo Daniel. Grolo duro para a parella xa que con nove meses houbo que realizarlle un transplante hepático, o primeiro que se fixo en Europa a idade tan temperá. Hoxe o mozo con 27 anos, vai para xuíz, conta a súa nai nesta Playlist de PontevedraViva Radio.
Foi profesora de aerobic, doutorouse en Actividade Física e Saúde na Universidade de Vigo. Chus Sanguos devolveuna ao atletismo e como veterana atesoura un bo número de medallas. Ademais de medallas, Ana Santos tamén suma quilómetros e quilómetros: os das viaxes que lle encanta facer e que xa ten en cernes para non perder o ritmo.
A combinación bilingüismo e deporte levouna a poñer o instituto Valle Inclán no mapa europeo. E suma e segue, pero ese segue xa o contará en breve e seguiremos informando. Mentres tanto, goza de "unha familia moi unida", da súa parella, do seu traballo, das súas amizades, as súas viaxes, os seus proxectos profesionais e persoais... da vida; e nótaselle.