O Concello garante a continuidade do servizo de axuda no fogar a usuarios e traballadores
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra acordou este mércores facer un "contrato puente" coa empresa Galaurea para cubrir o servizo de axuda no fogar e poder así seguir ofrecendo esta prestación da que se benefician na actualidade arredor de 160 persoas, a maior parte grandes dependentes.
Galaurea farase cargo ata o vindeiro martes (contratáronse 1.235 horas), mentres o Concello tramita un contrato eventual polos meses que se tarde en facer a nova adxudicación.
O concelleiro responsable da área de Contratación, Raimundo González explicou que o martes tiveron coñecemento a través das traballadoras de Clece ata agora concesionaria deste servizo, que decidiu non dar a súa anuencia para facer unha prórroga do contrato e comunicoulle por carta ás traballadoras (arredor de 80) que estaban despedidas, e que dende o mércores deixaba de prestar este servizo.
Foi este mércores cando o Concello recibiu a comunicación oficial por parte da empresa de que non está conforme coa prórroga proposta a pasada semana polo Concello e acorda non continuar co contrato nas condicións que se lle propoñen, é dicir, seguir coas condicións económicas actuais.
Raimundo González desvelou que a pasada semana mantivo unha reunión coa empresa na que tamén estivo presente a asesoría xurídica e o xefe do servizo. Naquel encontro, a empresa solicitoulle ao Concello un incremento da tarifa de 2,20 euros por hora máis IVE, o que supón arredor de 200.000 euros máis ao ano, é dicir, un incremento do 15% do contrato.
"Isto é unha extorsión en toda regla", explicaba o concelleiro Raimundo González
"Isto é unha extorsión en toda regla", explicaba o concelleiro Raimundo González, lembrando a situación vivida con anterioridade polo Concello a cargo doutra empresa tamén do grupo de Florentino Pérez, Cobra. Xa lle funcionou á empresa Clece noutros concellos, "pero iso é non coñecer a nosa forma de traballar en Pontevedra", asegurou o concelleiro.
O Concello entende que a intención da empresa era "tratar de materializar esa chantaxe" dado que tiña prevista unha reunión ordinaria co comité de empresa o vindeiro 24 de outubro. De non ter previsto continuar co contrato, non tería sentido axendar aquela reunión, argumenta o edil nacionalista.
Raimundo González asegurou que as prioridades do Concello foron sempre "salvagardar os dereitos dos usuarios", que non terán disolución de continuidade na prestación do servizo, "e tamén os dereitos dos cidadáns ao velar pola correcta xestión dos fondos públicos e non ceder á extorsión de Clece".
Tamén agradeceu a actitude dos traballadores, que nunha reunión mantida o martes co Concello, mantiveron a intención de seguir prestando o servizo, independentemente da situación legal transitoria que se puidera producir.
REACCIÓN DO PP
O grupo municipal do Partido Popular esixe ao goberno local de Pontevedra explicacións por toda esta xestión. Recordaron que este mércores, 18 de outubro, vence a prórroga do contrato asinado polo Concello de Pontevedra e tal e como avanzaban os populares o pasado venres, "o BNG non ten os deberes feitos en tempo e forma".
"Un exemplo máis da parálise, a descoordinación e a falta de xestión do goberno do BNG", lamentou a concelleira popular, María José Rodríguez, en rolda de prensa.
"Un exemplo máis da parálise, a descoordinación e a falta de xestión do Goberno do BNG", di o PP
"Os cambios que Lores realizou no seu goberno o pasado mes de abril seguen sen ter resultados. A pesar de contar cun concelleiro dedicado á coordinación de contratos, de novo o BNG é incapaz de licitar un contrato a tempo. As piscinas de Campolongo, o servizo de recollida de lixo ou o servizo de abastecemento de auga son outros exemplos", engadiu.
Os populares lembran que o contrato para o servizo de axuda no fogar foi prorrogado o pasado mes de abril a pesar de que a propia empresa xa amosara, a través dun escrito remitido ao Concello, o seu rexeitamento a seguir prestando este servizo. Ademais, durante este anos, este contrato tampouco estivo exento de polémica. "No 2013, denunciamos pagos indebidos á empresa por servizos non prestados e tamén desvelabamos o pago dun IVE superior ao que correspondía", apuntou a concelleira popular.
"Non se pode tolerar que o Goberno do BNG estea a xogar con un asunto tan sensible como é a asistencia a persoas dependentes", destacou María José Rodríguez.
Relacionadas:
-
Tres empresas optan ao contrato municipal do Servizo de Axuda no Fogar
Por Oskar Viéitez |
-
O aumento do prezo do SAF obriga a "resetear" os prazos de licitación
Por Alejandro Espiño |
-
A empresa Idades asume o servizo de axuda no fogar ata o novo contrato
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pedirá explicacións sobre a polémica do Servizo de Axuda no Fogar nunha comisión extraordinaria
Por Natalia Puga |
-
"Vimos a ducharnos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
CC.OO acusa a Clece de "manipular" as súas traballadoras para "atacar" o Concello e sacar proveito
Por Redacción |
-
Clece deixa de prestar o servizo de axuda no fogar en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Sacan a concurso o servizo de axuda no fogar coa previsión de aumentar o número de beneficiarios
Por Natalia Puga |