Sacan a concurso o servizo de axuda no fogar en Pontevedra coa previsión de aumentar o número de beneficiarios
Por Natalia Puga
Unha Xunta de Goberno local extraordinaria celebrada este venres aprobou o expediente para poder sacar a concurso o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Pontevedra, que na actualidade presta a empresa Clece como resultado dunha prórroga de seis meses habilitada para poder preparar o novo contrato.
O expediente de contratación recolle que o servizo se adxudicará por un período de catro anos prorrogable outro máis por un importe de 1.375.529,24 euros anuais. Implicará contratar máis de 90.000 horas ao ano a un prezo de 14,25 euros a hora (IVE non incluído), o que implica un incremento importante do número de beneficiarios do servizo.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, insistiu en que os case 1,4 millóns do contrato actual supoñen case duplicar os 750.000 euros orzados no contrato previo e destaca o "gran esforzo" realizado polo Concello de Pontevedra neste servizo, que beneficia a persoas dependentes e a maiores non dependentes.
O Concello achegará máis de 500.000 euros anuais para este contrato e o resto financiarano a Xunta de Galicia e os propios usuarios. En concreto, a administración autonómica subvenciona preto de 10 euros hora da atención ás persoas dependentes de Pontevedra e o Concello da capital reforza o servizo destinándoo tamén a persoas maiores non dependentes.
CRÍTICAS DO PP DE PONTEVEDRA
Precisamente, na mañá deste venres, ao tempo que o goberno local anunciaba este concurso, o grupo municipal do PP criticaba que a última prórroga do SAF vence o vindeiro mércores 18 de outubro "sen que o BNG de Lores teña os deberes feitos a tempo".
A concelleira 'popular' María José Rodríguez Teso criticaba a través dun comunicado que "a falta de xestión" do goberno local "volve a precipitar unha nova prórroga, que será xa a terceira". Na súa opinión, é unha mostra máis da "absoluta falta de xestión" por parte do goberno municipal.
Relacionadas:
-
O PP pedirá explicacións sobre a polémica do Servizo de Axuda no Fogar nunha comisión extraordinaria
Por Natalia Puga |
-
O Concello garante a continuidade do servizo de axuda no fogar a usuarios e traballadores
Por Oskar Viéitez |
-
Clece deixa de prestar o servizo de axuda no fogar en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta incrementará as horas dispoñibles no servizo de axuda no fogar en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Clece seguirá seis meses co servizo de ayuda no fogar, á espera do novo contrato
Por Alejandro Espiño |
-
O PP alerta do limbo no que se atopa o Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |