Ponte Coqueta ou a escusa para recuperar grandes xoias da historia do cinema en Pontevedra
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Un proxector do ano 1921; películas do ano 1906: entradas dos desaparecidos cinemas Vitoria, Malvar, Gonviz ou Teatro Principal; unha máquina de filmar dos anos 50; e pezas de decoración do antigo cinema Vitoria tan curiosas como os carteis de 'Prohibido escupir' e 'Tocador de señoras', un amperímetro e un voltímetro ou unha máquina que proxectou nos anos 40. Son tan só unha parte da completa exposición que se pode ver durante estes días na Casa da Luz de Pontevedra.
A mostra inaugurouse este luns como apertura da completa semana de actividades da segunda edición de Ponte Coqueta, que o sábado terá o seu día central coa festa que trasladará a Pontevedra aos anos 20, á que animan aos pontevedreses para que acudan caracterizados de acordo coa época.
Para a inauguración, os organizadores e o Concello de Pontevedra como patrocinador elixiron unha posta en escena emulando a película de Blake Edwards Almorzo con Diamantes, protagonizada por Audrey Hepburn, na honra a que esta nova edición de Ponte Coqueta está dedicada ao mundo do cinema e permitirá reivindicar que a primeira vez que se utilizou en Galicia un proxector de cinema Lumier foi no Teatro Principal de Pontevedra no ano 1896.
Cris Lores actuou de anfitrión mostrando parte das pezas da exposición, que son da súa propiedade e dun dos proxeccionistas do Cinema Club de Pontevedra, Juan Torres, e conforman un achegamento á historia da sétima arte na cidade do Lérez. A maioría son pezas que ambos rescataron cando "os donos destas cousas decidiron desmantelar todo e borrar dun plumazo a historia dos cinemas de Pontevedra". Alí fóronse cunha furgoneta e rescatáronas do esquecemento, conservándoas nas súas vivendas.
Tras a visita guiada de Cris Lores, Marcelo Dobode e a concelleira Carmen Fouces deron por inaugurada Ponte Coqueta 2017, que durante toda a semana incluirá cinema, conferencias, talleres infantís e de baile, contacontos, unha feira vintage, exhibicións de baile... e a festa final do sábado.
A programación é a seguinte:
Martes 22 de agosto. 20.00 horas. Conferencia de Xisela Franco seguida da proxección dunha película antiga
Mércores 23 de agosto. 18.00 horas. Obradoiro infantil: constrúe o teu zootropo
Xoves 24 de agosto.
- 11.00 horas a 13.00 horas. Obradoiro de baile (nivel iniciación)
- 18.00 horas a 20.00 horas. Obradoiro de baile (nivel avanzado)
- 18.00 horas Obradoiro infantil: cine
Venres 25 de agosto
- 11.00 horas a 13.00 horas. Obradoiro de baile de lindy hop (iniciación)
- 18.00 horas a 20.00 horas. Obradoiro de baile de lindy hop (avanzado)
- 22.30 horas. Proxección de películas antigas ao aire libre na praza da Pedreira coa música en directo da Banda Artística de Arcade: Miss Ledya e Nuestras fiestas de allá.
Sábado 26 de agosto. Feira Vintage na praza de Curros Enríquez
- 11.30 horas. Inauguración feira vintage.
- 12.00 horas. Demostración de swing e lindy hop
- 13.00 horas. Sesión vermú – concerto con The Soul Breakers
- 17.30 horas. Contacontos
- 18.30 horas. Clase aberta de lindy hop
- 21.00 horas. Concerto de Three on de Beat – Gallaecia Small Band
Relacionadas:
-
A Peregrina sintoniza cos tolos anos 20 con Ponte Coqueta
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Ponte Coqueta despide a súa segunda edición cunha animada xornada 'vintage'
Por Redacción |
-
A Boa Vila regresará a aqueles tolos anos 20
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
A Pontevedra veinteañera
Por Redacción |